Skip to main content

O Foro Casa de Europa de Investigadoras e Tecnólogas analiza este mércores o rol das mulleres na sociedade do coñecemento

A directora e consultora líder de Arquetipos Consultores Integrales en España e República Dominicana, María Eugenia Fernández, será quen este mércores, día 26, participe no Foro Casa de Europa de Investigadoras e Tecnólogas que organiza o Seminario Mulleres e Universidade (SMU) da USC.
No encontro, que terá lugar ás 17:00 horas na Sala de Debates do Centro de Estudos Avanzados, María Eugenia Fernández tratará de descubrir o rol que desempeñan as mulleres na sociedade do coñecemento e analizar se este coñecemento representa unha vantaxe competitiva para elas.
No seu relatorio partirá da concepción do saber como a principal fonte de vantaxes competitivas sostibles no tempo. A partir de aí o entorno “tornouse competitivo”, polo que as persoas e organizacións deben desenvolver a súa capacidade de aprendizaxe “que lles permita adaptarse ás novas esixencias”. Esta nova situación, opina a experta, deulle unha nova relevancia ao papel do coñecemento dentro da sociedade “creando a necesidade de xestionalo”. Neste contexto, no foro analizará as razóns desta incipiente necesidade pola sociedade do coñecemento.
María Eugenia FernándezEn Arquetipos Consultores Integrales, organización dedicada ao acompañamento dos seus socios comerciais en procesos de mellora continua, María Eugenia Fernández realiza labores de dirección, consultaría e capacitación en estratexia, calidade, ambiente e xestión do coñecemento.
Enxeñeiro aeronáutico pola Universidade venezolana Simón Bolívar e enxeñeiro Industrial pola Universidade Nacional Abierta (Venezuela), María Eugenia Fernández é especialista en Comportamento Humano a través de Gestalt e Psicopatoloxías polo Instituto Venezolano de Terapia Gestalt e Master Executive en Xestión do Coñecemento pola Escuela de Organización Industrial (España).
Profesionalmente destacou como responsable de liñas de negocios e de sistemas de xestión de calidade en empresas transnacionais, auditora de aseguramento da calidade para o sector aeronáutico, xerente de aseguramento da calidade e consultora independente de prestixiosas empresas de diversos sectores profesionais. Xa en Arquetipos Consultores Integrales foi líder na implantación e avaliación con éxito de modelos de xestión en República Dominicana, Venezuela, Colombia e España.
O SMUO SMU, un grupo de observación e estudo formado por profesoras da Universidade de Santiago, vén traballando dende a súa creación hai cinco anos, na visibilización das mulleres en todos os campos da Ciencia e a Tecnoloxía.

The contents of this page were updated on 09.25.2007.