Skip to main content

O proxecto Estalmat-Galicia de estímulo do talento matemático en rapaces de 12 a 13 anos iniciou as súas actividades

O proxecto Estalmat-Galicia iniciou as súas actividades na Facultade de Matemáticas
O proxecto Estalmat-Galicia iniciou as súas actividades na Facultade de Matemáticas
Para esta primeira edición do proxecto seleccionáronse 25 rapaces de toda Galicia

O proxecto Estalmat-Galicia, cuxo obxectivo é o estímulo do talento matemático en rapaces de 12 a 13 anos, iniciou este sábado pasado as súas actividades na Aula Magna da Facultade de Matemáticas. Ao acto de inauguración, que presidiu o decano deste centro compostelán e presidente do comité organizador do proxecto Juan Viaño, asistiron os 25 alumnos participantes xunto coas súas familias, os membros do comité organizador e os 25 profesores de matemáticas que forman o equipo docente do proxecto. Ao final do acto, os alumnos comezaron un campamento matemático que se desenvolveu ao longo da fin de semana.
Na mesa inaugural deste acto estiveron presentes xunto a Juan Viaño o profesor de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña Enrique de la Torre; a directora do IES de Elviña (A Coruña) e vicepresidenta-coordinadora xeral do comité organizador, Mercedes Feijoo; a secretaria do mesmo comité e docente do CPI Alfonso VII (Caldas de Reis), Marina Germiñas; e a responsable da Relación coas Familias do proxecto Estalmat e profesora do IES de Mugardos, Covadonga Rodríguez-Moldes.
Durante o presente curso, os estudantes seguirán un programa especial de estímulo do talento matemático seguindo as directrices do Proxecto ESTALMAT-España que, dende o ano 1998, impleméntase en distintas comunidades como Madrid, Cataluña, Castela e León, Andalucía, Canarias e Valencia. Estas actividades desenvolveranse en 23 sesións, os sábados, na Facultade de Matemáticas. O obxectivo desta iniciativa non é adiantar aos alumnos en contidos matemáticos do seu currículo escolar senón, pola contra, desenvolver aspectos que permitan axudar a pensar en matemáticas. Trátase de detectar e prestar atención a nenos e nenas con talento que, en moitos casos, poden quedar desatendidos nas esferas normais do ensino e da familia.
Aínda que é a primeira vez que o proxecto se implanta na comunidade galega, un total de 209 rapaces de 12 anos de toda Galicia participaron nas probas de selección celebradas na Facultade de Matemáticas o pasado mes xuño, en concreto 123 procedían da provincia da Coruña, 17 de Lugo, 10 de Ourense, e 59 de Pontevedra. Nesta fase previa seleccionáronse os 25 rapaces e rapazas que, unha vez adquirido o compromiso dos pais, formarán a primeira promoción de ESTALMAT-Galicia. Do total de seleccionados 13 son da Coruña, 2 de Lugo, 1 de Ourense, e 9 de Pontevedra.
O Proxecto ESTALMAT-España está avalado cientificamente pola Real Academia Española de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales e conta co apoio financeiro da Fundación Vodafone-España, do Proxecto Ingenio-Mathematica do Programa Consolider e do CSIC. O Proxecto ESTALMAT-Galicia, aprobado pola Real Academia o pasado 18 de abril e pilotado pola Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela, ademais de participar destas axudas, conta cun financiamento específico de institucións galegas como a Obra Social Caixa Galicia e a Deputación da Coruña.

The contents of this page were updated on 09.27.2007.