Skip to main content

O programa 'Universidade Viva' amplía as visitas guiadas ao patrimonio natural da USC

Dende a posta en marcha da iniciativa en 2004 foron máis de 5.000 os visitantes

O Programa Universidade Viva, de difusión e posta en valor do patrimonio histórico da USC a través da apertura e o percorrido dos seus espazos máis emblemáticos, ábrese este curso ao patrimonio natural universitario. Deste xeito, aos tradicionais espazos históricos-culturais da institución compostelá súmase o Museo de Historia Natural ‘Luis Iglesias’ e os xardíns que o entornan no Campus Sur.
As novidades da edición deste curso presentounas este luns o vicerreitor de Cultura, Elías Torres, quen ademais fixo unha valoración do programa que leva funcionando na USC dende 2004. Acompañaron ao vicerreitor na presentación os directores xerais de Turismo e de Patrimonio Cultural, Rubén Lois e Felipe Arias, respectivamente; o concelleiro de Cultura e Centros Socioculturais de Santiago, Nestor Rego; a coordinadora de ‘Universidade Viva’, Lanzada Calatayud; e o técnico do CETUR Rogelio López.
Patrimonio históricoA través dunha visita guiada dunha hora e media aproximada de duración, e da man de especialistas licenciados da USC, o visitante ten a posibilidade de percorrer os espazos máis emblemáticos da Universidade orixinaria que son fundamentais para entender a súa propia historia, a da cidade de Santiago e a de Galicia. O roteiro histórico permite coñecer os Colexios de Fonseca e San Xerome, o entorno da Praza de Mazarelos e a Facultade de Xeografía e Historia.
O presente ano 2007 supón a consolidación definitiva do programa ofertando unha campaña estable de inverno con dúas visitas diarias de luns a venres – ás 12:00 e ás 16:30 horas- e os sábados unha máis, ás 10:00 horas, sendo as linguas empregadas o galego, o portugués, o español, o inglés e o italiano.
Por outra banda, e grazas á colaboración das Direccións Xerais de Patrimonio Cultural e de Turismo, a USC conta con material promocional entre o que destaca un díptico explicativo da visita realizado en oito idiomas, entre eles o catalán, o eusquera e o xaponés. Este material permitirá desenvolver con aínda máis acerto, e en colaboración coa Concellaría de Cultura, as campañas promocionais entre a comunidade universitaria, os establecementos hostaleiros, os centros educativos e as asociacións socioculturais galegas.
Patrimonio naturalEste ano inclúese no programa Universidade Viva a visita ao Museo Luis Iglesias como parte fundamental do patrimonio natural de USC. Para esta nova acción estase a realizar unha campaña de promoción entre os centros educativos galegos que está a dar os seus froitos pois en menos dun mes foron xa once os centros que a realizaron.
A visita ao Museo compleméntase cun roteiro guiado polos xardíns que o rodean, no Campus Sur, no que se coñecerán usos e lendas vinculados aos árbores ademais dunha parte da diversidade vexetal mundial, da que a USC posúe numerosos exemplares.
Moi boa aceptaciónO programa Universidade Viva leva funcionando de forma continuada dende 2004, cunha moi boa aceptación por parte dos máis de 5.000 visitantes, tanto turistas como os propios composteláns e galegos, presentando un incremento continuado ano tras ano.
Do total dos visitantes, o 86% considera moi positiva a apertura do patrimonio da USC, segundo se desprende dunha enquisa de satisfacción que inclúe a Biblioteca América e a Biblioteca da Facultade de Xeografía e Historia como os elementos máis destacados da visita.

The contents of this page were updated on 11.26.2007.