Skip to main content

Ciencias da Educación mergúllase nos xoguetes tradicionais cunha exposición que recolle ao redor de 200 pezas

A mostra contén arredor de 200 pezas que aproximan ao visitante aos xoguetes tradicionais galegos
A mostra contén arredor de 200 pezas que aproximan ao visitante aos xoguetes tradicionais galegos
A exposición inaugúrase este luns 5 ás 19:30 horas

A Facultade de Ciencias da Educación do Campus Sur reserva ao longo de todo o presente mes un recuncho dedicado exclusivamente ao xoguete tradicional coa organización dunha exposición na que se poden contemplar arredor de dúas pezas coas que se divulga e rende homenaxe a aqueles enredes, xoguetes ou argalladas que fixeron rir, suar, ser solidarios ou pasar un rato divertido aos máis pequenos doutros tempos.
A exposición inaugúrase este luns, 5, ás 19:30 horas na planta baixa do edificio da biblioteca organizada conxuntamente pola Comisión Cultura deste centro, a Biblioteca, a Vicerreitoría de Cultura e un grupo de alumnos da materia ‘Estratexias para a formación do Profesorado’, de 4º de Pedagoxía.
Segundo explican os promotores da iniciativa, a realización destes enredos é unha maneira de ir incorporando o pasado no presente de cada xeración, “un elo máis desa cadea de transmisión da cultura dun pobo”. Detrás dos obxectos mostrados, xa sexan orixinais ou reproducións, existe un importante labor de investigación realizado durante anos ao longo da xeografía galega, ben a través do traballo de campo directamente ou a través da pescuda bibliográfica. De todos eles está contrastada a súa existencia e o seu funcionamento, de o teren, así como a forma de construílos.
As pezas expostas preséntanse segundo un criterio estacional, atendendo á clase de xoguete que era máis común utilizar en función do material que a natureza propuña en cada época do ano. O xoguete creábase, na meirande parte do casos, pola similitude e semellanza cos diferentes traballos agrícolas, gandeiros ou mariñeiros que realizaban os maiores nese mundo rural predominante. Así, na mostra atoparanse argalladas feitas de cana, ameneiro, loureiro, sabugueiro, bugallas de carballo, millo, noces ou abelás, entre outros, materiais estes que xa non se utilizan na fabricación dos xoguetes de hoxe en día.

The contents of this page were updated on 11.05.2007.