O III Ciclo de Conferencias da Cátedra Unesco 226 sobre Migracións continúa co estudo da presenza galega en Portugal
A terceira edición do Ciclo de Conferencias da Cátedra Unesco 226 da USC sobre Migracións continúa este mércores, día 25, ás 13:00 horas na Facultade de Xeografía e Historia coa intervención do profesor da Universidade de Santiago, Camilo Fernández Cortizo, quen falará sobre a presenza dos galegos no norte de Portugal dende 1.700 ata 1.850.
As conferencias, coordinadas polo profesor Julio Hernández Borge, seguirán o día 4 de maio coa participación do docente da Universidade de Estremadura, José Pablo Blanco Carrasco, que disertará sobre ‘Emigración galega en Estremadura (XVI-XIX)’.
Finalmente, o ciclo chegará ao seu fin o día 11 de maio co relatorio ‘A emigración portuguesa para o Brasil na segunda metade do século XVIII’, a cargo do profesor da Universidade de Lisboa, João Santos Ramalho Cosme.