Skip to main content

As III Xornadas 'Mulleres, institucións e política' chegan ao seu fin na Facultade de Ciencias Políticas

Coñecer os avances que se están a levar a cabo nas políticas de igualdade de xénero nos ámbitos galego, español, europeo e iberoamericano e debater cuestións referentes á presenza das mulleres nas diversas institucións políticas é o obxectivo das III Xornadas ‘Mulleres, institucións e política’ que se están a celebrar na Facultade de Ciencias Políticas da USC.
O encontro clausúrase este venres, día 27, cunha sesión que comezará ás 9:30 horas analizando o tema ‘Estudos de xénero: outras perspectivas’. A primeira intervención será a de Marta Carballo, da USC, para ofrecer unha perspectiva dende o ámbito do dereito sobre o proxecto de Lei Orgánica para a igualdade efectiva entre mulleres e homes. Deseguido, Araceli Mateos Díaz, da Universidade de Salamanca, disertará sobre ‘Muller e política en Europa: niveis de participación e representación política feminina na Unión Europea’.
A sesión da mañá complétase coa celebración dunha mesa redonda na que participarán expertas e novas investigadoras en xénero e política. Así, intervirán Alba Alonso, María José Romero e Carolina Lodeiro, da USC, e a axente de Igualdade do Concello de Ourense, Alicia Fernández Gómez. O programa da tarde, a partir das 16:30 horas, inclúe a proxección dun filme a través do que se abrirá un debate sobre xénero e política co que rematarán os tres días de encontro.
Estas xornadas están coordinadas polo equipo de investigación Muller e Política do Departamento de Ciencias Política co financiamento da Vicepresidencia de Igualdade e Benestar da Xunta de Galicia e do Instituto da Muller.

The contents of this page were updated on 04.26.2007.