Skip to main content

Encontro no Paraninfo da Universidade co escritor angolano Pepetela, Premio Camões 1997

Artur Maurício Pestana dos Santos, 'Pepetela'
Artur Maurício Pestana dos Santos, 'Pepetela'
Considerado o máis importante representante da literatura angolana e un dos principais escritores en lingua portuguesa

O escritor angolano Pepetela, Premio Camões en 1997, participa este luns, día 7, nos Encontros no Paraninfo que a Vicerreitoría de Cultura xa inaugurara o pasado mes de abril con Sergio Godinho. Pepetela está considerado o máis importante representante da literatura angolana e un dos principais escritores en lingua portuguesa.
O encontro, que terá lugar ás 20:00 no Paraninfo da Universidade (Facultade de Xeografía e Historia), estará conducido por Mª Felisa Rodríguez Prado, profesora de literaturas africanas en lingua portuguesa, e por Carlos Quiroga, profesor da USC e escritor.
Pepetela é o pseudónimo de Artur Maurício Pestana dos Santos, escritor angolano nacido en Benguela en 1941. Mentres estudaba Letras en Lisboa en 1961 comezou a Guerra Colonial portuguesa e fíxose membro do Movimento Popular para a Liberación de Angola co que loitou como guerrilleiro pola liberación do seu país. Estivo exiliado en Francia e Alxeria e licenciouse en Socioloxía. Coa chegada da independencia de Angola, foi nomeado viceministro de Educación no goberno de Agostinho Neto.
En 1997 gañou o Premio Camões polo conxunto da súa obra e en 2002 recibiu no Brasil a Ordem do Rio Branco. Na actualidade é profesor de Socioloxía en Luanda, onde vive. Entre as súas obras máis representativas, cabe sinalar Mayombe (1980), Yaka (1985), Geração da Utopia (1992) e Predadores (2005).

The contents of this page were updated on 05.04.2007.