Skip to main content

A Facultade de Veterinaria acolle unhas xornadas para promocionar a investigación en niveis predoutorais

A Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo será o escenario durante as vindeiras semanas da primeira edición das xornadas ‘A Investigación, dos Laboratorios ás Aulas’ organizadas pola Asociación para a Promoción da Investigación en niveis Predoutorais (APIP). As sesións celebraranse nas tardes dos días 8, 9, 10, 15, 16 e 17 de outubro e comezarán ás 16:00 horas estendéndose ata ás 21:00 horas.
Ao acto inaugural, que terá lugar o vindeiro luns, día 8, ás 16:00 horas no Auditorio da Facultade asistirán o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero Latorre; a decana da Facultade de Veterinaria, Ana María Bravo del Moral ; o director xerente do Hospital Clínico Veterinario Rof Codina, Luis Felipe de la Cruz Palomino; o director xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica do Sistema Universitario Galego, Rogelio Conde-Pumpido Tourón; o director da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario Galego, Julio Abalde Alonso; a responsable académica das xornadas; Buenaventura Cabezas del Toro; e o presidente de APIP, Ángel Abuelo Sebio.
A continuación comezarán os relatorios coa intervención do profesor do Departamento de Anatomía e Produción animal, Luciano Sánchez García, sobre razas autóctonas e produtos de calidade. Esta primeira sesión estará dedicada entre outros aspectos á xenética da conservación ou á aplicación dos marcadores moleculares na selección xenética e a xenómica aplicada á acuicultura, tema que será abordado polo profesor do Departamento de Xenética, Paulino Martínez Portela.
Ás 18:30 horas será a quenda da profesora do Departamento de Ciencias Clínicas Veterinarias Mª isabel Quiroga Berdeal que analizará as enfermidades e o sistema inmunolóxico dos peixes. Deseguido, o catedrático do Departamento de Ciencias Clínicas Veterinarias, José María Nieto Martínez, acompañado pola profesora do Departamento de Anatomía e Produción Animal Nuria V. Alemao Posadas disertarán sobre patoxenia da enfermidade de Aujeszky, enfermidades e sistema inmunitario dos peixes e diagnóstico anatomopatolóxico. Para rematar o primeiro día das xornadas terá lugar a intervención do facultativo do Rof Codina, Roberto Bermúdez Pose, sobre o servizo de diagnóstico anatomopatolóxico no Hospital Clínico Veterinario, seguido pola decana da Facultade Ana Mª Bravo del Moral que falará da Patoloxía en ratos transxénicos como modelo de enfermidades humanas.

The contents of this page were updated on 10.05.2007.