Skip to main content

Italia, Reino Unido e Irlanda centran as seguintes xornadas do Cetur sobre novos mercados turísticos

As xornadas que o Centro de Estudos Turísticos da Universidade de Santiago (Cetur) organiza sobre os novos mercados analizarán o caso italiano o vindeiro 16 de outubro e o día anterior o de Reino Unido e Irlanda. Todas as sesións celebraranse no Hotel Monumento San Francisco, en Compostela. O prazo de inscrición no seminario, patrocinado pola Deputación da Coruña e a Dirección Xeral de Turismo, permanece aínda aberto.
O luns, día 15, os distintos expertos falarán dos mercados inglés e irlandés e o seu potencial para Galicia, o papel do viaxeiro británico como consumidor e a importancia de internet. A inauguración será ás 9:30 horas e nela participarán o concelleiro delegado de promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias Iglesias, e o director do Cetur, Xosé Manuel Santos. Ademais, nunha mesa redonda ás 17:30 horas expertos de axencias de viaxes, guías turísticos e xerentes de hoteis analizarán os retos fronte aos novos mercados turísticos.
Do mesmo xeito, na xornada do martes dedicada ao mercado turístico italiano profundarase na súa oportunidade para Galicia, no turista italiano como consumidor e na imaxe de Galicia cara ao exterior. Haberá tamén, ás 16:00 horas, unha mesa redonda de similares características á do anterior día.

The contents of this page were updated on 10.10.2007.