Skip to main content

Un simposio en Bande conmemora os trinta anos de escavación no xacemento romano Aquis Querquennis

A vila ourensá de Porto Quintela, en Bande, será sede, a partir deste xoves 11 e ata o sábado 13, dun simposio co que se conmemorarán os trinta anos do inicio da actividade arqueolóxica no xacemento romano Aquis Querquennis. O encontro está organizado polo Grupo Arqueolóxico Larouco, que cumpre tamén tres décadas de existencia. Participarán profesores de Universidades españolas e portuguesas e expertos arqueólogos que explicarán polo miúdo este proxecto de recuperación e conservación. Asemade, servirá para presentar a actividade científica do Grupo Larouco.
A inauguración terá lugar este xoves ás 13:00 horas coa presentación do número 4 da revista Larouco, da primeira fase da exposición ‘Os camiños de Roma na Fisterra de Iberia’ e da memoria ‘Trinta anos de escavación no xacemento romano de Aquis Querquennis’, da autoría do catedrático da USC Antonio Rodríguez Colmenero. Este libro é un referente no seu campo dada a importancia do campamento romano na construción da Vía Nova romana de Braga a Astorga como vía de penetración dos romanos en Galicia e de conexión co resto da península. Unha Vía, apunta o profesor, “que podería ser declarada proximamente Patrimonio da Humanidade”.
Na sesión da tarde será o profesor Colmenero quen, ás 18:00 horas, pronuncie a primeira conferencia na que explicará a andaina do Grupo Larouco e do Proxecto Aquis Querquennis ata a fase de musealización e sinalización. Deseguido, investigadores portugueses darán conta das actividades do Grupo Larouco en terras do país veciño. Xa as vindeiras xornadas dedicaranse a profundar no intenso traballo do grupo arqueolóxico non só en terras de Bande, ademais de analizárense diversas cuestións etnolóxicas.
Traballos de recuperaciónAquis Querquennis é un extenso complexo arqueolóxico formado por un antigo campamento romano, un poboado e unha mansión sitos na beira do que no seu día foi a Vía Nova, unha calzada romana que discorría entre Braga e Astorga. Antonio Rodríguez Colmenero e o Grupo Arqueolóxico Larouco, do que é director, participan dende 1975 nos traballos de recuperación do conxunto arqueolóxico-paisaxístico articulado arredor do xacemento romano emprazado entre as vilas de Baños e Porto Quintela (Bande, Ourense).
Para continuar cos traballos de recuperación e promoción deste xacemento e da Vía Nova romana constituise en 1999 a Fundación Aquae Querquennae-Vía Nova, promovida pola Universidade compostelá, a Consellaría de Cultura, Comunicación Social e Turismo, o Grupo Larouco, o Concello de Bande, Unión Fenosa e a Deputación Provincial de Ourense, e na que forman parte do padroado Antonio Rodríguez Colmenero e Carlos A. Gómez Otero, da Universidade de Santiago. Ademais das ruínas, a Fundación conta cun centro para investigadores e o Centro de Interpretación, que en 2006 tivo máis de seis mil visitas.

The contents of this page were updated on 10.10.2007.