Skip to main content

O reitor clausura este sábado en Bande o simposio que conmemora os trinta anos de escavación no xacemento romano Aquis Querquennis

O reitor da Universidade de Santiago, Senén Barro, clausurará este sábado, día 13, o simposio que se está a celebrar na vila ourensá de Porto Quintela, en Bande, e co que se conmemoran os trinta anos do inicio da actividade arqueolóxica no xacemento romano Aquis Querquennis. O encontro está organizado polo Grupo Arqueolóxico Larouco, que cumpre tamén tres décadas de existencia. A clausura terá lugar o sábado, ás 13:30 horas na Alameda de Porto Quintela.
O simposio comezou este xoves coa presentación do número 4 da revista Larouco, da primeira fase da exposición ‘Os camiños de Roma na Fisterra de Iberia’ e da memoria ‘Trinta anos de escavación no xacemento romano de Aquis Querquennis’, da autoría do catedrático da USC, Antonio Rodríguez Colmenero. Este libro é un referente no seu campo dada a importancia do campamento romano na construción da Vía Nova romana de Braga a Astorga como vía de penetración dos romanos en Galicia e de conexión co resto da península. Unha Vía, apunta o profesor, “que podería ser declarada proximamente Patrimonio da Humanidade”.
Traballos de recuperaciónAquis Querquennis é un extenso complexo arqueolóxico formado por un antigo campamento romano, un poboado e unha mansión sitos na beira do que no seu día foi a Vía Nova, unha calzada romana que discorría entre Braga e Astorga. Antonio Rodríguez Colmenero e o Grupo Arqueolóxico Larouco, do que é director, participan dende 1975 nos traballos de recuperación do conxunto arqueolóxico-paisaxístico articulado arredor do xacemento romano emprazado entre as vilas de Baños e Porto Quintela (Bande, Ourense).
Para continuar cos traballos de recuperación e promoción deste xacemento e da Vía Nova romana constituíuse en 1999 a Fundación Aquae Querquennae-Vía Nova, promovida pola Universidade compostelá, a Consellaría de Cultura, Comunicación Social e Turismo, o Grupo Larouco, o Concello de Bande, Unión Fenosa e a Deputación Provincial de Ourense, e na que forman parte do padroado Antonio Rodríguez Colmenero e Carlos A. Gómez Otero, da Universidade de Santiago. Ademais das ruínas, a Fundación conta cun centro para investigadores e o Centro de Interpretación, que en 2006 tivo máis de seis mil visitas.

The contents of this page were updated on 10.11.2007.