Senén Barro participa en Barcelona no seminario de presentación do Informe sobre a Educación Superior en Iberoamérica
O reitor da USC, Senén Barro, asiste a vindeira semana na Universidade Politécnica de Cataluña ao seminario ‘Educación Superior en Iberoamérica’ no que se presentará o informe 2007 elaborado polo Centro Interuniversitario de Desarrollo (CINDA), institución académica internacional cuxo propósito é a realización de estudos, a cooperación entre as universidades membros e a promoción de innovacións institucionais. As liñas xerais do informe foran definidas na reunión de reitores das Universidades afiliadas a CINDA cun grupo de expertos que tivo lugar hai agora un ano na Universidade de Santiago de Compostela.
O informe reúne nun só volume a información máis recente dispoñible sobre algunhas dimensións clave dos sistemas de educación superior en quince estados iberoamericanos, entre eles España, que no seu total representan o 92,7% da matrícula de educación superior en Iberoamérica. Analiza, de xeito comparativo con outros cinco países de fóra do ámbito de estudo, os desafíos, a plataforma institucional dos sistemas, o acceso e oportunidades, a formación de capital humano avanzado, o papel da universidade nas actividades de investigación e desenvolvemento, o financiamento, goberno e xestión e o aseguramento da calidade.
Senén Barro Ameneiro intervén na mañá do luns 15 no seminario, xunto co consultor de CINDA da Pontificia Universidade Católica de Chile, Luis Eduardo González, no bloque referido a investigación e desenvolvemento.