A USC amplía a súa oferta deportiva en Santiago cunha sala de acondicionamento físico
A USC amplía a súa oferta deportiva a partir de hoxe cunha sala de acondicionamento físico dispoñible nas instalacións deportivas universitarias, no estadio do Campus Sur, tanto para a comunidade universitaria coma para os cidadáns de Santiago. A sala conta cun conxunto de aparellos para mellorar a condición física dos usuarios. Así, dispón dun rocódromo para poder practicar a escalada e con varias máquinas para diferentes practicas deportivas, para fortalecer a musculación, mellorar a calidade de vida e a saúde en xeral.
Esta sala foi inaugurada polo vicerreitor de Cultura, Elías Torres, máximo responsable tamén da área deportiva da Universidade, quen puxo de manifesto a importancia destas instalacións no marco das actividades deportivas que “quere e debe ofertar a Universidade, ligadas, en todos os casos, ao coidado da saúde”. No acto acompañaron ao vicerreitor os directores das Áreas de Deportes e Cultura, Mariano García-Verdugo e Pablo Sampedro, respectivamente; a responsable do Servizo de Vixilancia da Saúde, Mª Carmen Pardiñas; o coordinador de Planificación Deportiva, Xosé Luís Veiga Goy; e outros técnicos dos servizos de Deportes e de Vixilancia da Saúde.
Este novo servizo da Universidade entra en funcionamento en perfecta sintonía co Servizo de Vixilancia da Saúde, dirixido aos traballadores da institución, pero tamén poderá ser usado por público externo, cidadáns de Santiago e das áreas limítrofes. Os usuarios contarán co asesoramento técnico de persoal especializado e se o desexan poderán realizar os exercicios nos distintos aparellos baixo a supervisións dun monitor. A sala permanecerá aberta de 8:30 a 14:30 e de 15:30 a 21:30 horas. No caso de requirir monitor, estes horarios comezarán polas mañás ás 10:30 e polas tardes ás 17 horas.
Os interesados en facer uso desta sala durante todo o ano poderán aboar un bono de 160 euros no caso de non ser universitarios, que se reduce a 80 para os membros da Universidade. Este bono dará dereito ao uso de todos os aparellos da sala, a calquera hora dentro do horario de apertura, e tamén ao uso das instalacións do estadio.