Comeza en Ciencias da Educación o IX Congreso Internacional de Galicia e Norte de Portugal de Formación para o Traballo
O vicerreitor de Relacións Institucionais, Lourenzo Fernández Prieto, presidirá este xoves 25 ás 12:00 horas o acto de inauguración do IX Congreso Internacional de Galicia e Norte de Portugal de Formación para o Traballo que se vai celebrar ata o venres 26 no Salón de Actos da Facultade de Ciencias da Educación (Campus Sur) co lema ‘Desafíos e solucións dende a Orientación Profesional para a certificación da competencia profesional’.
Con anterioridade ao acto inaugural, a partir das 10:00 horas, o profesor da Universidade Autónoma de Barcelona José Tejada Fernández pronunciará a conferencia titulada ‘As aprendizaxes non formais e informais: recoñecemento e certificación en Europa’.
Xa ás 12:30 horas celebrarase un panel de experiencias sobre recoñecemento e acreditación de aprendizaxes non formais dende a perspectiva sectorial no que intervirán representantes da Fundación Laboral da Construción, do Centro de Rehabilitación Profesional de Gaia, do Centro de Formación Profesional da Industria da Construción Civil e Obras Públicas do Norte de Portugal e da Universidade Complutense de Madrid. O programa desta primeira sesión completarase pola tarde, a partir das 18:00 horas, coa intervención de Francisca María Arbizu Echávarri, do Instituto Nacional de Cualificacións de España, sobre ‘Europa ante a avaliación da competencia profesional: modelo francés e inglés’.
O programa previsto para o venres 26 comezará cun panel sobre ‘Experiencias de recoñecemento e certificación en España: País Vasco e Galicia’, no que intervirán expertos da Consellaría de Educación da Xunta de Galicia, da Axencia Vasca para a Avaliación da Competencia e a Calidade da Formación Profesional e da subdirección xeral de Cualificacións da Consellaría de Traballo da Xunta de Galicia.
Pola tarde, ás 16:00 horas, comezará unha mesa redonda sobre ‘Procesos de recoñecemento e certificación en Portugal: O funcionamento das administracións, as diversas experiencias vixentes e a organización das mesmas’ ao que lle seguirá a conferencia de clausura do congreso na que Guillermo Bernabeu, da Asesoría Xeral de Universidades do Ministerio de Educación, analizará as competencias dos graduados no novo marco europeo’.