Skip to main content

A USC celebra en Caldas de Reis un curso de verán sobre xerontoloxía

CURSOS DE VERÁN DA USC 2007

O curso de verán da USC ‘Actualización en xerontoloxía’ celebrarase do 16 ao 19 de xullo no Auditorio Municipal de Caldas de Reis co fin de profundar no coidado dos maiores. Cofinanciado polo Concello de Caldas de Reis, este seminario está avalado cientificamente pola Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría.
As sesións académicas inauguraranse o luns 16 cun acto ao que asistirán o alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey; a concelleira de Servizos Sociais do mesmo Concello, Begoña Castro; e o director do curso, o profesor da USC Manuel Gandoy.
Baixo o título ‘Educación e Formación para maiores’, a primeira xornada do curso tratará a formación de adultos explicando a experiencia do IV Ciclo Universitario. Despois, o encontro continuará cunha clase de ximnasia de relaxación para maiores e con dous talleres sobre educación para a saúde e novas tecnoloxías.
A sesión do martes 17 abrirá cunha mesa redonda sobre a Lei da Dependencia en Galicia, a valoración xerontolóxica, carteira de recursos e a visión psicosocial. Deseguido, terá lugar a proxección ‘Itinerario da Dependencia no Concello de Caldas de Reis’. Xa pola tarde, o encontro contará con dous talleres sobre a relación da dependencia co terceiro sector e o I+D+i e coa presentación da Asociación de Xubilados e Pensionistas Caldenses.
Ao día seguinte, o curso continuará co módulo ‘Interdisciplinariedade asistencial’ que dará comezo con dúas mesas redondas sobre a necesidade da coordinación asistencial e sobre os coidados e rehabilitación xerontolóxica. Na sesión vespertina terán lugar talleres acerca dos coidados do pé e sobre ocupación e lecer, xunto cun recital de poesía a cargo dos maiores de Caldas.
A última xornada do encontro, titulada ‘Xestión xerontolóxica’, centrarase en cuestións como os compoñentes hostaleiro e asistencial da xestión residencial e a innovación asistencial.
Paralelamente ás sesións académicas, desenvolveranse unha serie de visitas turísticas polo centro urbano de Caldas guiadas polos membros da asociación de xubilados e pensionistas ‘Caldenses’ e unha ruta de sendeirismo.

The contents of this page were updated on 06.18.2007.