O Consello de Goberno da USC reuniuse no Colexio de San Xerome
O Consello de Goberno da Universidade de Santiago celebrou este mércores 20 unha xuntanza na que se trataron, entre outros asuntos, a convocatoria 2007 de axudas para o desenvolvemento de accións de mellora da docencia no marco da construción do Espazo Europeo de Educación Superior ou creación da Fundación USC Deporte.
Na súa matinal, o Consello de Goberno aprobou a relación de docentes aos que, coa valoración positiva da ACSUG, se lle recoñecen os complementos retributivos autonómicos, así como os criterios para a transformación dos contratos temporais dos profesores contratados doutores en contratos indefinidos.
Exención de docencia
Nesta mesma xuntanza tamén se tratou a normativa para a concesión de exención de docencia ou contratación de PDI substituído no marco de accións para a intensificación singular de actividades de xestión, docencia e investigación. Segundo o aprobado, poderá solicitar a exención total ou parcial das súas obrigas durante un período máximo de catro anos aqueles PDI que teñan previsto desenvolver unha acción de especial relevancia, que esixa unha dedicación intensiva e para a que se conte con fontes de financiamento específicas. Estas accións de especial relevancia investigadora susceptibles de axuda serán identificadas por unha Comisión de Avaliación de Accións Especiais (CA2E) constituída para tal efecto.
Axudas para mellora da docencia no marco do EEES
O Consello de Goberno tratará pola tarde a convocatoria 2007 de axudas para o desenvolvemento de accións de mellora da docencia no marco da construción do Espazo Europeo de Educación Superior. Esta convocatoria pretende estimular as actividades de mellora da calidade docente que se realizan no ámbito da USC, financiando a posta en marcha de iniciativas que supoñan un avance no proceso de construción do espazo de converxencia europeo e que necesiten recursos adicionais aos que posúe o centro ou titulación.
Do mesmo xeito, para incrementar a mobilidade de profesores, PAS e estudantes en base a estas axudas poderán financiarse accións encamiñadas á mellora da autoaprendizaxe de idiomas na súa vertente instrumental.
Modelo Deportivo da USC
A práctica deportiva de participación é a que experimenta un maior crecemento, cunha variedade de disciplinas cada vez máis ampla, razón pola que a USC elaborou un documento no que se recolle a súa orientación deportiva, que será “integral, saudable, diversa e para todos, respectuosa co medio ambiente e coa nosa cultura e incidindo en políticas de igualdade para as persoas e colectivos de menor práctica deportiva”. Este novo modelo deportivo desenvolverase tendo en conta a versatilidade do cadro de persoal, a orientación dos servizos deportivos da USC, a estruturación e pulo das escolas deportivas, clubs e o deporte federado. Ademais, prevé a realización dun novo plano de instalacións.
Segundo este modelo, as Escolas Deportivas serán o instrumento fundamental da promoción e práctica da actividade físico-deportiva e o espazo estruturante para o seu desenvolvemento. Pola súa banda, os clubes federados serán a culminación natural da evolución destas escolas.
A USC terá especial dedicación a actividades de lecer e de contacto coa natureza e as relacionadas coa saúde. De igual xeito, levará a cabo unha tecnificación constante tanto dos deportistas e adestradores como da comunidade universitaria, colaborando no estudo e prospectiva das actividades físico deportivas.
Para reforzar o cumprimento deste proxecto deportivo, a USC promoverá a creación da Fundación USC Deportiva que ten por finalidade promover programas de transformación e adaptación a estes novos tempos.
Escola Infantil Breogán
O Consello de Goberno tamén aprobou a convocatoria para a asignación de prazas na Escola Infantil Breogán para o vindeiro curso académico, cuxo prazo de admisión de solicitudes se establece dende o 25 de xuño ata o 2 de xullo. Esta Escola está aberta durante todo o ano de 8:00 a 20:00 horas, agás no mes de agosto. O horario redúcese de 8:00 a 15:00 horas durante Semana Santa e Nadal.
Do total das prazas, que serán as máximas permitidas polas condicións do centro, corresponderalle o 50% ao PDI, o 25% ao PAS, o 12% aos estudantes de 1º e 2º Ciclo e POP, o 11% a estudantes de 3º Ciclo e investigadores en formación e o 2% restante a membros da comunidade universitaria con discapacidade.
Estarán subvencionadas todas as prazas asignadas cuxa renda persoal dispoñible sexa inferior a 30.000 euros. Neste senso, os prezos subvencionados para a xornada completa oscilan entre 75 e 150 euros, e de 45 a 90 euros no caso das tarifas para media xornada.
Outros asuntos
Na xuntanza, o Consello de Goberno analizou tamén a modificación de contrato de autores de teses e do procedemento de asignación de axuda á produción científica, a convocatoria de prazas e prezos da Escola Infantil Breogán para o vindeiro curso, normas de xestión académica de aplicación aos planos de estudo conducentes a titulacións oficiais, e a actualización de prezos dos sobres de matrícula e do soporte de matrícula por internet para 2007-2008.
Outros puntos a tratar son a modificación da normativa do apoio titorial extraordinario e da de Programas Oficiais de Posgrao, a ratificación dos regulamentos de réxime interno do Instituto da Lingua Galega e do Departamento de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica, cursos de posgrao propios, desestimento de recursos e actualización de prezos, tarifas e outros económicos.
Completan a orde do día asuntos relacionados con prazas de profesorado, cambios de dedicación e localidade, comisións de servizo e prórrogas, e axudas para estadías de visitantes, entre outros asuntos.