O Claustro da USC aprobou as Liñas Xerais do Orzamento da institución para 2008
O Claustro da Universidade de Santiago aprobou na súa xuntanza desta mañá as Liñas Xerais de Orzamento da institución académica para 2008 nunha votación na que obtivo 115 votos a favor, 12 en contra e 5 en branco. O proxecto de orzamento da USC para o vindeiro ano ascende a 237,8 millóns de euros, o que supón un incremento respecto á previsión inicial do presente exercicio do 13,9 por cento. Este destacado incremento ten a súa orixe principalmente na evolución dos recursos ligados á investigación, da inclusión dos diferentes contratos-programas que financian actividades desenvolvidas pola USC mediante achegas de entidades públicas e privadas e dos recursos derivados do Plan de Financiamento do Sistema Universitario Galego (SUG), cuxas partidas medran un 8,1 por cento respecto ao anterior ano.
A proposta de liñas xerais de orzamento aprobada -contou cos votos a favor dos grupos Converxencia Universitaria, Plataforma Universitaria Progresista, Universidade Aberta e A Trabe, e coa reprobación dos CAF e o profesor Casares Long, segundo manifestaron na quenda de explicación de voto- está condicionada no fundamental polo actual marco de financiamento do SUG e os recursos que este achega á USC no exercicio 2008, pondo en relación as dispoñibilidades financeiras cos obxectivos orzamentarios formulados ao abeiro da Planificación Plurianual 2007-2010 aprobada polo mesmo órgano colexiado.
Neste mesmo senso manifestouse o reitor compostelán Senén Barro na presentación do seu informe ao Claustro Universitario, engadindo que as tres universidades galegas e as consellarías de Educación e de Economía constituirán a comezos do vindeiro ano 2008 un grupo de traballo que se encargará da reformulación do Plan de Financiamento do SUG co obxectivo de adaptar o escenario financeiro á nova realidade que supón a adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior (EEES) e a construción do Espazo Europeo de Investigación.
Segundo explicou Barro, as negociacións desta mesa deberían rematar en xuño de 2008, polo que os orzamentos de 2009 xa poderían contemplar a nova dotación do Plan de Financiamento. O cambio se realizará tendo como horizonte temporal o ano 2013, para acompañar o proceso de implantación do EEES, e tendo como obxectivo investir en educación superior algo máis do 1% do Produto Interior Bruto (PIB).
Informe do reitorPrevio á discusión das liñas xerais de orzamento, o reitor presentou o seu informe correspondente ao presente ano 2007, encadrado “nun contexto de tránsito post-Plan de Equilibrio Económico-Financeiro e que ten como documento de goberno principal a Programación Plurianual 2007-2010, centrada nos espazos europeos de educación superior e investigación e na aposta polo emprendemento integral e responsable”.
No que respecta ao número de matriculados, o reitor avanzou datos relativos a este curso, no que se volveu producir un incremento, sendo o número de estudantes matriculados a día de hoxe en primeiro por primeira vez de 5.537, o que supón un 7,24% de incremento respecto do curso pasado. Deu conta tamén dos primeiros Programas Oficiais de Posgrao (POP) que se puxeron en marcha o pasado curso e anunciou que xa foron enviados para a súa aprobación pola Xunta de Galicia 12 novos másters a implantar no curso 2008–2009, un deles asociado a un programa internacional catalogado como Erasmus Mundus.
No mesmo informe falou do Espazo Europeo de Investigación, no que a USC “debe posicionarse como unha Universidade de vangarda”, e do ámbito do emprendemento, e concretamente no apartado de creación de empresas impulsadas desde a USC, no que “estamos dando pasos que nos colocan certamente como unha referencia a nivel nacional e xa comezamos a selo internacionalmente”. Calidade e planificación, profesorado, infraestruturas, relacións institucionais e proxección exterior, compromiso social, extensión cultural e deportiva ou xestión foron outras cuestións tratadas polo miúdo no informe do reitor.
Honoris causaNa mesma reunión deste órgano de goberno universitario trataranse, para a súa ratificación, as propostas de concesión de tres doutoramentos honoris causa. Un deles ao catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Barcelona, Jaime Gil Aluja, proposto polo Departamento de Economía Aplicada da USC. O profesor Gil, autor de numerosos libros sobre a toma de decisións en contornos de incertidume, está xa en posesión de doce doutorados Honoris Causa de Universidades europeas e americanas e de trece condecoracións entre as que destacan a Gran Cruz de Alfonso X o Sabio, en España, e a de Caballero da Orde do Mérito de Francia. Foi ademais proposto en varias ocasións por numerosas academias internacionais para a obtención do Premio Nobel de Economía.
A proposta do Departamento de Estatística e Investigación Operativa na Facultade de Matemáticas, o Claustro acordou concederlle tamén o doutoramento honorífico ao catedrático da Universidade de Giessen (Alemaña), Winfried Stute, que leva colaborando de maneira estreita coa institución compostelá dende hai máis de vinte anos. Stute é unha autoridade mundial no análise estocástico e na enxeñería financeira.
Por último, o director do Center for Subtropical Agroforestry (University of Florida) e experto en agronomía e edafoloxía, Ramachandran P.K. Nair, recibirá tamén o doutorado honoris causa da USC.