A USC, sede dun ciclo de conferencias sobre muller e ciencia organizado pola Comisión de Mulleres e Matemáticas da RSME
A USC é unha das cinco sedes españolas nas que a Comisión Mulleres e Matemáticas da Real Sociedade Matemática Española (RSME) desenvolve un ciclo de conferencias sobre a muller como elemento innovador da Ciencia. En Santiago, as charlas serán na Facultade de Matemáticas entre os días 14 e 19 de decembro.
A inauguración do ciclo terá lugar o venres 14 ás 16:30 horas en Matemáticas nun acto ao que asistirá a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, Laura Sánchez Piñón; a vicerreitora de Investigación e Innovación da USC, María José Alonso; o decano da Facultade, Juan Manuel Viaño Rey; e Elena Vázquez Abal, en nome do equipo organizador da USC.
As actividades organizadas pola RSME están orientadas a transmitir a importancia da Ciencia como elemento imprescindible na vida cotiá, facendo ao mesmo tempo unha aposta por visualizar a investigación realizada por mulleres. En concreto, o programa contempla un ciclo de conferencias en cinco sedes en diferentes comunidades autónomas impartidas por mulleres en torno á investigación sobre Matemáticas e as súas aplicacións. Por outra banda, elaborarase material didáctico que se exporá durante a celebración dese ciclo e que se reutilizará en posteriores actividades organizadas por centros de secundaria u organismos interesados en expoñelos.
A muller na historia das MatemáticasAs conferencias comezarán este venres 14, logo da inauguración, coa intervención da divulgadora científica Susana Mataix sobre a muller como elemento innovador na historia das matemáticas. Na súa charla explicará como a pesar do illamento intelectual ao que estiveron sometidas as mulleres no pasado, resulta “admirable comprobar que en todas as épocas xurdiron matemáticas dispostas a desafiar as normas e a dedicarse á ciencia”. Para Mataix “é case imposible descubrir trazos común nelas que expliquen por que escolleron o camiño insospeitado” ou identificar “circunstancias favorables que xustifiquen a súa loita nun mundo dominado polos homes”.
Ao repasar as achegas dalgunhas destas matemáticas, a experta observa que “a súa soidade lles fixo escoller temas novos e realizar contribucións singulares”. Falará da Marquesa de Chatelet, defensora do británico Newton contra o estamento cartesiano da súa propia patria; de Emmy Noether, colaboradora nas teorías da relatividade de Einstein; de Ada Lovelace, visionaria informática; ou de Florence Nightingale, pioneira da estatística médica, “exemplos perfectos do papel desempeñado por mulleres con vocación matemática e decididas a liberarse de suxeicións e prexuízos para marcar novos rumbos no desenvolvemento da mente humana”.
Programa do cicloSeguiralle o día 17 ás 16:30 horas a mestra Aia Rodríguez, do IES de Salvaterra do Miño, e ás 18:30 horas a profesora da USC Elena Vázquez Cendón, que darán conta de experiencias innovadoras na investigación matemática.
Xa o día 18, ás 17:00 horas, será a quenda da profesora da Universidade da Coruña Ana Dorotea Tarrío que disertará sobre María Wonenburger, para rematar o día 19 coa participación ás 16:30 horas de Victoria Toro, do Museo da Ciencia de Valladolid, e unha mesa redonda, dúas horas máis tarde, moderada por Josefina Ling Ling, na que se proporán actuacións para incrementar a participación das mulleres na ciencia e na tecnología coa participación da conferenciante, de Montserrat Nogueira por parte do Seminario Muller Universidade, Ana Canda Sánchez en representación da Asociación de persoal investigador e Técnico non contratado/precarios Galicia, Rogelio Conde-Pumpido Tourón vicepresidente da Unidade de Muller e Ciencia de Galicia.