Skip to main content

A matemática galega María Wonenburger, modelo de muller innovadora e referente investigador que centrará unha conferencia este martes na USC

A profesora da Universidade da Coruña Ana Dorotea Tarrío Tobar ofrecerá este martes 18, no marco do ciclo sobre a muller como elemento innovador da Ciencia que organiza a Real Sociedade Matemática Española, a conferencia ‘María Wonenburger: un modelo innovador na investigación matemática’.
Na súa intervención, que terá lugar ás 17:00 horas na Aula Magna da Facultade de Matemáticas, fará unha lembranza da científica galega María J. Wonenburger Planells, co propósito de difundir o traballo “de moitas mulleres que dedicaron a súa vida á investigación científica e que nos deixaron importantes achegas”.
A prestixiosa matemática coruñesa María Wonenburger, tras estudar a súa carreira na Universidade Central de Madrid nos anos 50, foi a primeira matemática española que obtivo unha bolsa Fullbright para realizar o doutoramento en EUA. Realizou a súa tese baixo a dirección do destacado alxebrista Nathan Jacobson e desenvolveu a súa carreira en universidades canadenses e americanas. É a “nai” da frutífera teoría das Álxebras de Kac-Moody, estudo que comezou coa dirección da tese de Robert Moody, o seu primeiro alumno de doutoramento.
María Wonenburger é, como porá de manifesto Ana Tarrío, “unha muller que rompeu cos costumes e prexuízos da súa época”, como a elección da carreira ou a decisión de saír ó estranxeiro para realizar a súa tese. Para a docente coruñesa, a dedicación á súa carreira científica e as súas decisións persoais sitúana “como un modelo de muller innovadora, adiantada á súa época, unha referencia na investigación en álxebra e un exemplo a seguir para os que comezan a súa carreira docente e investigadora”.

The contents of this page were updated on 12.17.2007.