Os colexios profesionais de Enxeñaría e Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia apostarán pola regulación e a dignificación da profesión
Os Colexios Profesionais de Enxeñaría en Informática de Galicia e de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia quedaron constituídos a pasada fin de semana, sendo elixidos como primeiros presidentes Fernando Súarez Lorenzo e Leticia Diz Bengochea, respectivamente.
As xornadas, celebradas no Auditorio de Galicia de Compostela, superaron amplamente as expectativas das Comisións Xestoras en canto á participación, sendo máis de trescentos os censados durante a constitución dos colexios, unha cifra que “confirma a necesidade de que había de contar con estes colexios en Galicia e o que lles permite augurar un futuro prometedor", comentou Jesús Rodríguez Castro, presidente da Asociación de Enxeñeiros en Informática (AEIG), promotora da creación dos Colexios.
Á presidencia do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia presentáronse dous candidatos, María José Durán Domínguez e Fernando Suárez Lorenzo, que coincidiron no seu discurso na necesidade de dignificar e regular a profesión dos enxeñeiros e enxeñeiras en informática, como tamén o fixera o día anterior Leticia Diz na presentación da súa candidatura á presidencia do CPETIG. As eleccións á Xunta de Goberno, que tiveron unha participación superior ao 70%, converteron a Fernando Suárez Lorenzo no primeiro presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia despois dun proceso electoral moi igualado.
Presentación conxuntaNo transcurso dos actos tivo lugar unha presentación conxunta dos dous colexios que estivo presidido pola directora xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, María Helena Veiguela, quen, logo de resaltar a importancia da creación dos colexios, aproveitou o acto para anunciar a inminente creación do Cluster TIC de Galicia, ao tempo que agradeceu "a participación e a actitude responsable e construtiva da Asociación de Enxeñeiros en Informática de Galicia, que deu lugar a moitos dos aspectos máis positivos na elaboración dos estatutos".
Acudiu tamén a concelleira delegada de Réxime Interior, Persoal e Reforma Administrativa do Concello de Santiago, Rosa Fernández, que transmitiu aos asistentes o pracer que supón para a cidade compostelá que os colexios elixisen a capital de Galicia para establecer as súas sedes e amosou a intención do Concello de seguir prestando o seu apoio, igual que o ven facendo coa Asociación, para que os Colexios poidan desempeñar a súa actividade na cidade.
Pola súa banda, o decano da Facultade de Informática de A Coruña, Alberto Valderruten; o subdirector da Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC, Alberto Bugarín; e o director da Escola Superior de Enxeñaría Informática de Ourense, Enrique Barreiro, coincidiron en resaltar a necesidade de que a enxeñaría en informática asuma o protagonismo que lle corresponde dentro do sector das TIC. Tamén fixeron mención ao proceso de Bolonia que suporá un importante cambio no ámbito das titulacións universitarias e pediron a participación dos colexios na elaboración dos novos plans de estudos que deberán habilitar para o exercicio da profesión, para rematar dese xeito “coa falta de regulación actual que sofre o sector da enxeñaría en informática”.
Contouse tamén no acto coa presenza de Óscar Castro, en representación do Comité de Creación del Consejo de Colegios de Ingenieros Técnicos en Informática (CONCITI), así como de presidentes e decanos doutros colexios galegos e representantes do sector empresarial.