Skip to main content

O ciclo sobre a muller como elemento innovador da Ciencia remata este mércores na Facultade de Matemáticas

Cunha mesa redonda na que se proporán actuacións para incrementar a participación das mulleres na ciencia e na tecnoloxía

O ciclo de conferencias sobre a muller como elemento innovador da Ciencia que a Real Sociedade Matemática Española organiza en varias Universidades españolas, entre elas a USC, remata en Santiago este mércores 19 cunha conferencia da directora de exposicións do Museo da Ciencia de Valladolid e unha mesa redonda na que se proporán actuacións para incrementar a participación das mulleres na ciencia e na tecnoloxía.
A directora do museo vallisoletano, Victoria Toro, ofrecerá ás 16:30 horas na Aula Magna da Facultade de Matemáticas, a conferencia ‘Muller con encefalograma plano’ na que falará da “pouca atención” prestada polos medios de comunicación á información científica, “aínda que nos últimos anos se produciu un avance tanto cualitativo como cuantitativo”. Non obstante, como sinalará, a visión da ciencia que dan os informadores é “demasiado sesgada, existindo disciplinas que practicamente non aparecen e cunha parte da comunidade científica invisible”. Entre as disciplinas que menos se reflicten nos medios sinala as matemáticas, e a parte da comunidade científica invisible “son as investigadoras, as mulleres dedicadas á ciencia”.
Para Victoria Toro estas dúas eliminacións responden á visión “mítica” que teñen os medios de comunicación sobre a ciencia, “baseada en tópicos e herdeira dunha historia da ciencia que se construíu tamén sobre eses tópicos”. Unha historia da ciencia que, aclara, está sendo revisada dende hai máis de cincuenta anos e que “achegou interesantes descubrimentos que contradín eses tópicos”.
Mesa redondaA continuación, a partir das 18:30 horas, desenvolverase unha mesa redonda que, baixo o título ‘Muller, innovación e ciencia’ e moderada pola profesora da USC Josefina Ling Ling, achegará actuacións para incrementar a participación das mulleres no eido da ciencia. Participarán no debate a propia Victoria Toro; a doutora en Bioloxía e representante da Asociación de Persoal Investigador e Técnico Non Contratado de Galicia e Precarios-Galicia da USC, Ana Canda; o director xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica do SUG e vicepresidente da Unidade de muller e Ciencia da Xunta de Galicia, Rogelio Conde-Pumpido Tourón; e a profesora da USC e representante do Seminario Mulleres e Universidade, Montserrat Nogueira.

The contents of this page were updated on 12.18.2007.