Skip to main content

A III edición de Teateatre desenvolve tres cursos dirixidos a actores durante os meses de agosto e setembro

A III edición de Teateatre desenvolverase entre os meses de agosto e setembro organizado polo Concello de Lugo, a escola ‘Arte e Lecer’ do Colexio Fingoi e a Vicerreitoría de Cultura da USC coa colaboración da Federación Galega de Teatro Afeccionado e o grupo ‘Palimoco’. A programación e as principais características desta convocatoria presentáronse este luns 23 no Concello de Lugo nun acto ao que asistiron a concelleira de Cultura e Turismo, Concepción Burgo; a directora da escola de ‘Arte e Lecer’, Asunción Fernández; a vicerreitora de Infraestruturas e Servizos da USC, Celia Besteiro; e a directora de Palimoco Teatro e responsable da organización do evento, Paloma Lugilde.
Esta terceira edición pretende ser un foro de encontro, formación e creación coa impartición de varios cursos de actores durante os meses de agosto e setembro na Aula de Teatro e Danza da USC no Campus de Lugo. O prazo de inscrición comeza este martes, día 24, ata unha semana antes do comezo de cada curso en concreto.
O director de escena e profesor de voz e linguaxe, Vicente Fuentes, impartirá o primeiro dos seminarios que se celebrará entre o 16 e 19 de agosto, dedicando a quenda da mañá a traballar o corpo e a voz e a quenda da tarde á realización dun laboratorio de voz. Baixo o nome de ‘O corpo da voz’ ten un custe de 180 euros, reducidos a 160 para os grupos especiais e terá lugar na Aula de Teatro da USC que se atopa na Facultade de Veterinaria.
O segundo dos cursos, ‘Estudo da presenza do actor. Construción da personaxe’, impartirao a actriz e profesora de Movemento e Dramaturxia do Movemento, Isabel Úbeda, entre os días 27 e 31 de agosto en horario de 9:00 a 15:00 horas na Aula de Teatro e Danza da USC. A inscrición é de 180 euros para o público xeral e en tarifa reducida para grupos federados a 160 euros.
Xa no mes de setembro, o actor Avelino González, transmitirá as súas habilidades no curso ‘Construción e manipulación de zancos’ nos días 10, 17, 24 e 29 cun custe de 90 euros, que se converten en 70 para os grupos federados. Neste caso, o seminario impartirase na área de Tecnoloxía do Colexio Fingoi e en diferentes espazos abertos da cidade. O último día do curso realizarase unha exhibición dos coñecementos aprendidos.
Os interesados en inscribirse deben acudir á Oficina de Cultura da Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo, podendo reservar a praza no teléfono 982 285 900, extensión 21511.

The contents of this page were updated on 07.23.2007.