Skip to main content

A USC e o Consorcio de Santiago poñen en marcha o Proxecto Urbe

A iniciativa posibilitará o inventariado, catalogación e dixitalización das fontes documentais de interese para a historia da cidade

Coa denominación de ‘Proxecto URBE’, a USC e o Consorcio de Santiago presentaron este xoves unha iniciativa que consiste na sistematización das fontes documentais compostelás para, posteriormente, facelas accesibles a través de Internet, e sendo os primeiros beneficiarios destes traballos os dous grandes arquivos de Santiago, o Universitario e o Catedralicio.
Co Proxecto Urbe identificaranse os materiais documentais máis relevantes e significativos desde o punto de vista da historia global da cidade e organizarase unha base de datos electrónica dos documentos individualizados e descritos. Para iso priorizaranse inicialmente os fondos notariais, comezando polas catro notarías de número do Concello e do Cabildo e dos escribáns do Hospital Real, e posteriormente polos libros de acordos das dúas corporacións máis relevantes, o Concello e o Cabildo. Todos estes materiais atópanse no Arquivo Histórico Universitario e no Arquivo da Catedral e, en menor medida, no Arquivo Histórico Diocesano.
En definitiva, trátase de poñer a disposición do Concello, do Museo das Peregrinacións, do futuro Museo da Cidade, dos cidadáns, viaxeiros e peregrinos, así como d a comunidade científica en xeral unha importante ferramenta para facilitar as buscas de información sobre a historia global da cidade e da súa proxección internacional ao longo dos tempos.
Equipo de traballoNo campo documental, a primeira iniciativa importante neste sentido foi a emprendida polo Arquivo de Indias. A dixitalización é unha garantía de preservación no caso de accidente, evita o deterioro dos orixinais causado polo manexo frecuente en salas de consulta e multiplica as posibilidades de difusión. Nos últimos anos impúxose a conveniencia de dixitalizar o material documental e, en maior ou menor medida, boa parte dos arquivos e bibliotecas teñen iniciado algún tipo de programa desta natureza.
O equipo de traballo para o desenvolvemento do Proxecto URBE, que figura no orzamento do Consorcio para este ano dentro do departamento de Estudos Históricos, estará formado por un grupo de documentalistas e arquiveiros dirixidos polo profesor Fernando López Alsina e coordinados por Juan Conde Roa.

The contents of this page were updated on 07.05.2007.