Skip to main content

A USC e Aresa asinan o convenio para convocar a VIII edición dos premios Aresa de Desenvolvemento Rural

De esquerda a dereita: Álvaro Rodríguez Eiras, Senén Barro e Carlos Herrero
De esquerda a dereita: Álvaro Rodríguez Eiras, Senén Barro e Carlos Herrero

O reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Senén Barro, e o presidente do Consello de Administración de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, asinaron este luns na Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo o convenio de colaboración polo que se convoca a VIII edición dos Premios Aresa de Desenvolvemento Rural.
O premio, dotado con dez mil euros, pretende incentivar a investigación e o desenvolvemento, así como recoñecer aquelas traxectorias persoais, empresariais ou institucionais innovadoras nos ámbitos agrícola ou gandeiro como elementos fundamentais para mellorar a calidade de vida e o benestar das persoas que traballan no medio rural galego.
O ano pasado foi distinguido co galardón o Consello Regulador da Ribeira Sacra, en recoñecemento da traxectoria das cen adegas e os 2.897 viticultores integrados nesta Denominación de Orixe.
ConvocatoriaPoden optar a este premio as persoas, grupos de investigación, institucións, asociacións, empresas ou calquera outra entidade que contribúa ao desenvolvemento da economía rural galega.
O único requisito para concorrer é a presentación dun traballo de investigación e desenvolvemento, unha iniciativa empresarial innovadora ou unha traxectoria persoal ou institucionalnos ámbitos agrícola ou gandeiro. A presentación das candidaturas, acompañadas dos traballos e outra documentación xustificativa, farase nos rexistros dos campus universitarios de Lugo ou de Santiago antes das 14:00 horas do día 19 de outubro.
Formarán o xurado o reitor Senén Barro; o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero; o presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras; e outras dúas personalidades relacionadas co sector agrario. O fallo darase a coñecer ao longo do mes de decembro e a entrega do galardón terá lugar en Lugo a comezos do ano 2008.
Para máis información sobre esta convocatoria e anteriores pódese consultar a web www.premioaresa.com.

The contents of this page were updated on 07.09.2007.