A artista luguesa Gabriela Fole doa dúas das súas obras á USC

A artista luguesa Gabriela Fole Nieto doou as pinturas ‘Volare’ e ‘El terrorismo, plaga de este siglo’ á Universidade de Santiago. Os dous acrílicos sobre lenzo pasarán a formar parte do fondo artístico da Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo, onde se celebrou este xoves o acto de doazón. A artista foi recibida polo vicerreitor de Coordinación, Carlos Herrero, quen destacou a súa interdisciplinariedade xa que Gabriela Fole conta xa con varios libros publicados. Tamén asistiron ao evento as vicerreitoras de Infraestruturas e Servizos e de Oferta e Xestión Académica, Celia Besteiro e Begoña Barreiro, respectivamente, ademais de amigos e familiares da artista.
Gabriela Fole amosou a súa ledicia por esta doazón e insistiu en que “en cada obra o artista deixa un anaco do seu corazón”. Aproveitou a ocasión para recordar a súa época de estudante na Universidade de Santiago, sendo muller pioneira nos estudos de Dereito. Tamén fixo un percorrido polos membros da familia Fole lembrando especialmente a aqueles que se dedicaron á pintura artística.
Gabriela FoleGabriela Fole Nieto naceu en Lugo, é licenciada en Dereito e exerceu como profesora, funcionaria e procuradora de Tribunais. Conta con varios libros publicados e é pintora autodidacta. Realizou exposicións individuais na Sala Pousadoiro e na Sala de Té Fontevella de Viveiro no 2005 e participou en colectivas co grupo do Taller “Artes Plásticas Luz Darriba”, na Casa da Xuventude, e no Edificio Multiusos da Xunta de Galicia en Santiago, no local da Asociación Cultural de Reinante e na Exposición Internacional de Arte Naïf en Madrid, no 2006.
As súas pinturas caracterízanse polo seu traballo coas cores e as figuras sinxelas tendo só o lenzo como base, sen realizar bosquexos previos. Como artista Naïf caracterízase por traballar coa imaxinación que desborda as súas obras, a simplicidade e inxenuidade nas composicións, cobrando grande importancia as cores empregadas con moitos matices diferenciadores. Os seus lenzos transmiten alegría nos temas tratados e as figuras ocupan todo o espazo que ademais é plano, non traballa coa perspectiva.