Skip to main content

As II Xornadas Internacionais de Reprodución reúnen na Facultade de Veterinaria a máis de cen profesionais

As II Xornadas Internacionais de Reprodución organizadas pola Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo reunirán este venres 13 a máis de cen profesionais do sector que analizarán a ecografía do gando vacún.
O programa comeza ás 10:30 horas co relatorio dos veterinarios da entidade Fefriga Daniel Martínez e Ismael Fernández sobre as ecografías nos programas de transferencia de embrións. De seguido, será a quenda do veterinario italiano Roberto Landrichina que disertará, neste caso, sobre a ecografía mamaria. Rematará a mañá co experto do departamento de reprodución de Feiraco, Alfonso Goris, quen analizará o emprego da ecografía na diagnose de patoloxías do útero.
Na quenda da tarde, ás 16:00 horas, de novo Roberto Landrichina realizará unha demostración práctica dunha ecografía mamaria, seguido polo veterinario da empresa de xenética Serida de Asturias, Carlos Hidalgo, quen levará a cabo unha aspiración de ovocitos mediante unha ecografía transvaxinal.
Como remate á xornada desenvolverase unha mesa redonda na que se disertará sobre as vantaxes e inconvenientes da aplicación da ecografía no control rutinario da reprodución e na que participarán o veterinario de Seragro Federico Romeu e Pedro Martínez da Cooperativa Sam de Asturias, moderados polo profesor do departamento de Patoloxía da USC, Luis Quintela.

The contents of this page were updated on 07.12.2007.