Skip to main content

Remata o prazo de presentación de traballos aos VI Premios á Innovación Educativa e mellora da calidade docente

A Universidade de Santiago de Compostela, co obxecto de fomentar a calidade e innovación educativa no ensino superior, convoca a sexta edición dos Premios á Innovación Educativa na Universidade que, con carácter anual, tentan contribuír á colaboración institucional na construción dun espazo europeo de educación superior. O prazo para a presentación de orixinais rematará este venres, 20 de xullo.
A estes premios poden presentarse experiencias de innovación en materias regradas, xa realizadas por centros, institutos, departamentos ou equipos docentes e investigadores da Universidade de Santiago. Deben versar sobre iniciativas educativas realizadas no ámbito da USC nos últimos tres anos e que supoñan algún tipo de práctica docente susceptible de ser ampliada e mesmo xeneralizada a outros contextos do ensino superior, tanto dentro como fóra da Universidade. A experiencia terá sempre relación con algún tipo de actividade con posibilidades de incidir na mellora do ensino e da aprendizaxe na universidade.
As propostas que se presenten deberán estar referidas ás temáticas Titoría universitaria; Practicum das diferentes titulacións; Experiencias que vinculen as aprendizaxes do alumnado con marcos de extensión universitaria (voluntariado, proxectos sociais ou culturais, entre outros); Medidas e experiencias para a mellora do rendemento académico; Avaliación das aprendizaxes; Comunidades de aprendizaxe e redes docentes; Uso de materiais dixitais na docencia; Emprego de portafolios; e Experiencias de desenvolvemento de guías docentes.
Premios O xurado dos premios, que estará presidido polo reitor ou vicerreitor en quen delegue, e composto polo director do ICE, catro profesores da USC e un xefe de división do ICE, recoñecerá un máximo de seis experiencias que estime de maior calidade para a innovación educativa na USC. Os premios están dotados de 3.500 euros o primeiro, de 2.700 o segundo, 2.200 para o terceiro, 1.700 para o cuarto, e 1.200 e 700 para quinto e sexto, respectivamente. Poderanse conceder ademais tres accésits sen percepción económica.

The contents of this page were updated on 07.16.2007.