O Pleno do Consello Social da USC somete a aprobación a Programación Plurianual
O Pleno do Consello Social da USC reunirase o vindeiro luns, día 30, na Casa da Concha (r/ da Conga, 1) para someter a aprobación, entre outros puntos, a Programación Plurianual da USC. A xuntanza comezará ás 16:30 horas.
Entre os puntos da orde do día desta xuntanza figuran a aprobación da distribución de 125 bolsas de colaboración do Ministerio de Educación para o vindeiro curso destinadas a iniciar nas tarefas de investigación aos alumnos de último ano do segundo ciclo que presten a súa colaboración nun Departamento, o informe da modificación da Relación de Postos de Traballo da USC, a aprobación da actualización dos prezos dos sobres de matrícula e do soporte de matrícula por Internet para o vindeiro curso, ou o informe sobre o estado no que se atopa a realización da auditoría da USC e das súas sociedades mercantís do exercicio 2006.
A xuntanza tamén tratará o proxecto de decreto polo que se fixan os prezos correspondentes aos estudos conducentes á obtención de títulos oficiais no ensino universitario para 2007-2008; a aprobación dos prezos públicos dos Instituto de Criminoloxía para o mesmo curso, de taxas de cursos de posgrao propios e da proposta dunha patente da USC á empresa biotecnolóxica Advancell; e a elección dun representante do Consello Social para formar parte do padroado da Fundación USC-Deportiva.