'Visións de Galiza no centenario de Pascual Veiga (1842-1906)' pon fin a vindeira semana á programación de cursos de verán da USC
Expertos das tres universidades galegas, da Complutense de Madrid, da Universitat de Barcelona e do CSIC participarán no curso de verán da USC ‘Visións de Galiza no centenario de Pascual Veiga (1842-1906)’, cofinanciado pola Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural da Xunta de Galicia e co que remata a programación destes cursos da USC. O encontro celebrarase na Facultade de Xeografía e Historia entre os días 12 e 14 de setembro baixo a dirección do profesor Carlos Villanueva.
O programa científico destas xornadas completarase con tres concertos abertos ao público en xeral nos que se dará conta da canción galega e o piano galego romántico e de vangarda, para rematar cun sobre lembranzas corais.
Na primeira xornada do curso, que inclúe un relatorio de Xesús Alonso Montero sobre Rosalía e Curros, analizaranse aspectos relacionados coa personalidade e traxectoria de Pascual Veiga e a problemática textual do Himno Galego. Ademais, celebrarase unha mesa redonda arredor da cuestión ‘Debate dos símbolos: a recepción do Himno Galego’, completándose o programa do primeiro día cun concerto na Igrexa Universitaria a cargo de Teresa Novoa (soprano) e Alejo Amoedo (piano) sobre a canción galega.
‘Alén da morriña: Música, identidade e sociabilidade entre os emigrantes galegos da Arxentina no período 1880-1940’ será o tema do relatorio que iniciará a segunda xornada do curso. Ao longo do día 13 de setembro as intervencións afondarán na relación entre coralismo e nacionalismo e no significado do modelo Aires da Terra, de Perfecto Feijoo. A segunda mesa redonda estará dedicada ao uso e abuso da tradición na construción da identidade nunha sesión que inclúe ademais o concerto ‘O piano galego romántico e de vangarda’, da man de Alicia González Permuy.
Na derradeira sesión do curso de verán, a quenda de intervencións dirixiranse á análise do enxebrismo e o tío Marcos da Portela como arquetipo fundacional e funcional da literatura vernácula e da cultura popular galega, da creación da Academia Galega, de Pardo Bazán e a música, e un último relatorio sobre perfís de Galicia dende a vangarda e máis concretamente o de Jesús Bal y Gay. O curso pecharase co concerto ‘Lembranzas corais’ a cargo da Coral El Eco.