Skip to main content

O curso de verán 'Visións de Galiza no centenario de Pascual Veiga (1842-1906)' chega ao seu fin na Facultade de Xeografía e Historia

CURSOS DE VERÁN DA USC 2007. O último dos concertos previstos dentro deste curso versará sobre 'Lembranzas corais'

A derradeira sesión do Curso de Verán ‘Visións de Galiza no centenario de Pascual Veiga (1842-1906)’ celebra este venres 14 a súa derradeira sesión cun programa científico que dará comezo ás 10:00 horas na Aula 5 da Facultade de Xeografía e Historia coa intervención do profesor da Universidade Central de Barcelona Camilo Fernández Valdehorras titulada ‘O enxebrismo e o tío Marcos da Portela: un arquetipo fundacional da literatura vernácula e da cultura popular galega’. Seguiralle na quenda de intervencións, na Aula 9, o presidente da Real Academia Galega Xosé Ramón Barreiro cunha conferencia na que se referirá á creación desta Academia (1906).
Xa pola tarde, dende ás 16.00 horas na Aula 9, a docente da USC Cristina Patiño Eirín reflexionará sobre a música galega en Emilia Pardo Bazán, á que lle seguirá Susana Asensio, do CSIC-Madrid, para falar sobre ‘Música emigradas en circuítos urbanos. Para pechar o programa científico do curso, o profesor da USC José Manuel López Vázquez presentará un relatorio no que se referirá ás artes plásticas na época de Pascual Veiga.
O curso pecharase co concerto ‘Lembranzas corais’ a cargo da Coral El Eco baixo a dirección de Alejo Sanchís Mompó e coa colaboración do Grupo de Gaitas ‘A fume do carozo’ a partir das 20:0 30 horas na Igrexa da Universidade.
No desenvolvemento deste encontro, co que remata a programación dos Cursos de Verán da USC para 2007, participan expertos das tres universidades galegas, da Complutense de Madrid, da Universitat de Barcelona e do CSIC. O curso celébrase na Facultade de Xeografía e Historia baixo a dirección do profesor Carlos Villanueva e cofinanciado pola Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural da Xunta de Galicia. O programa científico destas xornadas completouse con tres concertos abertos ao público en xeral nos que se dá conta da canción galega e o piano galego romántico e de vangarda, para rematar cun sobre lembranzas corais.

The contents of this page were updated on 09.13.2007.