Skip to main content

'Lembranzas corais', último concerto do curso de verán sobre Pascual Veiga

A Coral Polifónica El Eco e o grupo de gaitas A fume do carozo, dirixidos por Alejo Sanchís Mompó, ofrecerán este venres, día 14, o terceiro e último concerto programado paralelamente á celebración do curso de verán ‘Visións de Galicia no centenario de Pascual Veiga’. O recital, con entrada libre, terá lugar ás 20:30 horas na Igrexa da Universidade.
A Coral Polifónica El Eco de A Coruña foi fundada o 18 de Nadal de 1881 por Pascual Veiga, que fora o seu primeiro director. É a coral en activo máis antiga da Península e órgano oficial do Concello da Coruña, Medalla de ouro da cidade e medalla de ouro de París e Porto, entre outros galardóns. Entre os seus directores figuran José Castro ‘Chané’, José Baldomir, Mauricio Farto, P. Eugenio Barrero, C. Fernández Amor, Rodrigo A. de Santiago e Rogelio Groba.
O repertorio desta coral abrangue tanto a polifonía profana como a relixiosa nos seus diferentes estilos, ademais de ópera, zarzuela, cantatas e oratorios, intervindo asiduamente nas tempadas de Amigos da Ópera de A Coruña Vigo, Oviedo e Madrid, con preto de trinta títulos presentados baixo a batuta de prestixiosos mestres como Franco Patané, Arturo Basile, Miguel Roa, Manno Wolf Ferrari ou Marco Armiliato, entre outros. Actuou tamén nos festivais de Faro e Porto (Portugal), Internacional Intercéltico de Lorient (Francia), Internacional de Habaneras de Torrevieja (Alacante), de la Canción Marinera, de San Vicente de la Barquera, Certame Coral Internacional Villa de Avilés (Asturias) e o Concurso Nacional de Corais “Antonio José” de Burgos, nos que acadou importantes galardóns.
Pola súa banda, o valenciano Alejo Sanchís Mompó, que dirixe a Coral El Eco dende 1989, estudou nos conservatorios de Valencia, Salamanca, Girona e Madrid. Integrouse por oposición no Corpo de Músicos Militares pertencendo a diferentes agrupacións bandísticas no Goberno Militar de Salamanca, Academia de Infantería de Toledo, Goberno Militar de Xirona, División Maestrazgo nº 3 de Valencia e, na actualidade, á Música da 4ª Subinspección Xeral. Realizou cursos de dirección coral en España, Francia e Suíza e fundou e dirixiu masas corais en Ontenyent, Xirona e Salamanca.

The contents of this page were updated on 09.13.2007.