Skip to main content

As tres universidades galegas e a Consellaría de Innovación poñen en marcha unha nova edición do programa Uniporta

As axudas para a adquisición de portátiles ascenden a 200 euros

Os reitores das tres universidades galegas e o conselleiro de Innovación e Industria, Fernando X. Blanco, presentaron este mércores 19 a posta en marcha do convenio de colaboración Uniporta para o vindeiro curso 2007-2008, polo que se porá a disposición dos estudantes universitarios axudas para a compra de ordenadores portátiles con conectividade sen fíos.
Esta medida insírese no marco de colaboración institucional coas entidades académicas, co fin de facilitarlle á comunidade universitaria o acceso aos servizos e contidos da Internet e das Intranet universitarias, dun xeito deslocalizado e flexible, mediante a adquisición por parte dos alumnos de ordenadores portátiles con conectividade sen fíos.
A iniciativa vai dirixida a calquera estudante matriculado nas universidades públicas galegas, tanto de primeiro, segundo e terceiro ciclo coma dos posgraos oficiais. Así mesmo, están incluídas no programa as escolas adscritas ás universidades dos campus galegos.
O convenio incorpora novidades respecto dos asinados nos anos precedentes. Así, a axuda por ordenador ascenderá este ano a 200 euros, fronte aos 150 € das anteriores convocatorias. Asemade, neste curso os estudantes poderán escoller o modelo de portátil que queren mercar e facelo en calquera establecemento comercial, o que supón unha novidade salientable, posto que nos cursos precedentes só se subvencionaban dous únicos modelos de ordenadores distribuídos por unha única empresa.

The contents of this page were updated on 09.19.2007.