Skip to main content

Investigadores da USC presentan o proxecto SINDUR e os portais 'Infobrion' e 'Fundación CEER' en Portugal, Estonia e Finlandia

Investigadores do grupo de investigación Socio-Territorial (GIS-T) que dirixe o profesor Carlos Ferrás presentan este mes en Lisboa, Tallin e Helsinki o proxecto ‘Infobrion’ e ‘Fundación CEER’, coincidindo coa celebración de dous congresos internacionais sobre cuestións relacionadas coa Sociedade da Información e as novas tecnoloxías da información e a comunicación.
O Grupo GIS-T, que forma parte do Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (Idega) da USC, traballa de maneira interdisciplinar no campo das Ciencias Sociais, asociado ao Departamento de Xeografía e coordinado por profesionais de diferentes áreas científicas como xeógrafos, economistas, traballadores sociais, sociólogos, arquitectos-urbanistas e especialistas en comunicación. Os seus principais investigadores son Carlos Macía, Francisco Armas e Yolanda García.
O primeiro dos eventos está a ter lugar en Lisboa, na IADIS International Conference 2007 (International Association for Development of the Information Society), que anualmente reúne aos principais investigadores mundiais en cuestións de desenvolvemento na Sociedade da Información. No encontro trátanse, entre outras, cuestións sobre a administración, a saúde, a ensinanza e o comercio electrónicos.
Teñen cabida tamén nesta conferencia internacional os sistemas de información e xestión electrónicos, facendo un chamamento especial á necesidade de profundar no estudo e na presentación de casos reais relacionados coa posta en funcionamento de comunidades virtuais. Neste punto, o GIS-T IDEGA presenta a comunicación ‘Infobrion.com: the creation of a virtual community in a rural environment by digitalizing local education and culture’, dando a coñecer o proceso que fixo posible o nacemento e a continuidade de www.infobrion.com dende o ano 2003, á vez que se explica a estrutura e os contidos recollidos na páxina.
Por outra banda, os proxectos ‘Infobrion’ e ‘Fundación CEER’ serán presentados en Tallin e Helsinky, no marco do congreso Digital Communities 2007, unha reunión organizada pola Unión Xeográfica Internacional baixo a dirección de Mark Wilson, da Universidade Estatal de Michigan, e Aharon Kellerman, da Haifa University, dous profesores consagrados na xeografía da Sociedade da Información. Nestas citas, os investigadores da USC presentarán relatorios baixo o epígrafe ‘Infobrion.com: a creación dunha comunidade virtual, multimedia e interactiva nun entorno rural e periférico da Europa Atlántica’.

The contents of this page were updated on 07.03.2007.