Lugo Cultural organiza concertos ao aire libre co programa 'Entre Lusco e Fusco'
O convenio Lugo Cultural organiza para este mes de xullo un programa de concertos ao aire libre ‘Entre Lusco e fusco’ que pretende recuperar como espazo escénico o anfiteatro do Parque de Rosalía e o da Deputación Provincial emprazado no Campus.
Para explicar o programa de actividades celebrouse unha presentación na Vicerreitoría de Coordinación de Lugo á que asistiron os vicerreitores de Cultura e Coordinación do Campus, Elías Torres Feijo e Carlos Herrero, respectivamente; o delegado provincial da Fundación Caixa Galicia, Sinesio Pérez; o xefe do servizo de creación e difusión cultural da Consellaría de Cultura, Rafael Vizcaino; e Fran Pérez, membro da formación musical Narf.A delegada da Oficina de Cultura da USC en Lugo, Paloma Lugilde, explicou o programa inclúe variados estilos , sendo músicos galegos os que se darán cita en Lugo entre os días 9 e 26 de xullo. Fran Pérez destacou, pola súa banda, a importancia de reactivar eses espazos que son “estandarte da nosa cultura” e adiantou que na quenda do seu grupo, o día 26, farán un repaso dos seus temas cun concerto en acústico.
Os eventoscomezan o vindeiro luns, ás 20:30 horas, no parque Rosalía de Castro, onde baixo a denominación ‘Na Memoria’ se reunirán varios grupos lucenses compostos por universitarios. Os asistentes poderán gozar da vangarda e experimentación da agrupación lucense Islabikini, e tamén intervirán nesta ocasión o sexteto coruñés de pop-rock Snail, a recentemente xurdida Touben, e Iván e Josito. Cos temas de creación propia interpretados polos diferentes grupos deste concerto editaranse cincocentos Cd.
O martes 17 proseguen os concertos no Parque Rosalía coa quenda de Abraham Boba, onde David Cobas fusionará historias melancólicas con jazz lixeiro e ambientes de cabaret. Será ás 20:30 horas.
Xa o día 19, os concertos cambian de sitio e o grupo Marful tocará no Auditorio Aberto do Campus ás 20:30 horas. Interpretarán temas de ritmos bailables americanos e europeos, tangos, habaneras ou fox, entre outros, mesturados con letras actuais e a música folk.
O último día do programa actuará o grupo Narf, tamén no Auditorio Aberto do Campus, ás 20:30 horas. Este trío liderado por Fran Pérez aposta por explorar a esencia das cancións cunha instrumentación reducida.
A organización ten previsto trasladar os concertos ao Auditorio da Facultade de Veterinaria no caso de choiva.
‘Pegadas’Outra das actividades programadas por Lugo Cultural para este verán é o comezo dun programa de rutas culturais que se estenderá ao longo de todo o ano. Os paseos desenvolveranse da man de personaxes do eido cultural e estarán complementados con actividades diversas como chocolatadas de comercio xusto ou foliadas tradicionais. A primeira das rutas realizarase o día 23 de xullo polo paseo do Miño e nela actuará como ‘lazariño’ o escritor lucense Lois Diéguez, ten un máximo de 50 prazas e a inscrición está aberta ata o 18 de xullo na Oficina de Cultura da USC na Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo.