Skip to main content

Comeza a cuarta edición do curso sobre as literaturas infantís e xuvenís ibéricas

O IV Curso de Formación Continua da USC ‘As literaturas infantís e xuvenís ibéricas. A súa influencia na formación lectora. Teatro infantil: texto e representación’ comeza este luns, 2 de xullo. Organizado en colaboración coa Biblioteca Fundación Caixa Galicia, o curso inaugúrase na Sala Sarmiento da Facultade de Ciencias da Educación (Campus Sur) ás 17:30 horas.
No acto de apertura participarán a profesora da USC Blanca-Ana Roig Rechou; Pedro Lucas Domínguez, da Biblioteca Fundación Caixa Galicia, e a profesora Adriana Gewerc, encargada da parte virtual do curso, que darán a benvida ao alumnado e lle ensinarán a navegar polo curso virtual e a facer uso das ferramentas de comunicación. Ademais, entregaránselles aos máis de 120 asistentes as súas claves de acceso e informaráselles de que se ampliou a matrícula e de que, polo tanto, o curso virtual se prolongará ao longo do mes de agosto.
O profesorado, comunicantes e participantes nas distintas mesas representan a todos os axentes que fan posible a comunicación literaria: investigadores de todo o marco ibérico, é dicir, casteláns, cataláns, vascos, portugueses e galegos; editores, escritores, profesores e responsables de grupos de teatro e salas, que reflexionarán sobre as literaturas infantís e xuvenís do marco ibérico, a súa influencia na formación lectora e, en particular, sobre o teatro infantil.
A parte presencial do curso presencial celebrarase entre os días 10 e 13 de setembro, nos locais da Biblioteca Fundación Caixa Galicia en Santiago.

The contents of this page were updated on 07.02.2007.