A Vicerreitoría de Calidade e Planificación participa en Santander nun encontro sobre o papel dos estudantes na avaliación da calidade
A Vicerreitoría de Calidade e Planificación da USC asiste estes días en Santander, na Universidade Internacional Menéndez Pelayo, a un encontro de traballo sobre a participación de estudantes na avaliación da calidade.
Organizado conxuntamente pola Dirección General de Universidades do Ministerio de Educación e Ciencia e a Agencia nacional de Evaluación de la Calidad y Acreditación (Aneca), o encontro ten como obxectivo crear un espazo de reflexión para a participación activa dos estudantes universitarios nos procesos de garantía de calidade da Educación Superior.
O esforzo realizado ata hoxe para a implantación do Espazo Europeo de Educación Superior (EEES) centrouse en diversos cambios que involucraban aos estudantes españois dunha forma indirecta, polo que o que agora se pretende é obter unha maior implicación destes nos procesos de garantía de calidade.
Desde 2005 a Aneca e a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (Acsug) desenvolven varias actividades dirixidas a reflexionar e definir a participación dos estudantes en políticas de garantía de calidade, seguindo os criterios e directrices europeas para a Garantía de Calidade no EEES da European Association for Quality Assurance in Higher Education (ENQA).