Skip to main content

Expertos internacionais analizan en Santiago a Convención Europea da Paisaxe e a súa aplicación en Galicia

Público asistente ao 'I Simposio para o Estudo da Convención Europea da Paisaxe e a súa Aplicación en Galicia' na Fundación Caixa Galicia
Público asistente ao 'I Simposio para o Estudo da Convención Europea da Paisaxe e a súa Aplicación en Galicia' na Fundación Caixa Galicia
O simposio, coordinado polos profesores da USC Federico López e Miguel Pazos, celébrase na Fundación Caixa Galicia

Ante o deterioro continuo da paisaxe no Noroeste da Península e a inminente aprobación dunha Lei Galega da Paisaxe, o I Simposio para o Estudo da Convención Europea da Paisaxe e a súa Aplicación en Galicia comezou este luns na Fundación Caixa Galicia cun acto de inauguración ao que asistiron o director xeral de Turismo, Rubén Lois, e os coordinadores das xornadas, os profesores da USC Federico López e Miguel Pazos.
Organizadas pola USC en colaboración co Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (Idega), as sesións académicas desenvolveranse ata este martes, día 3, co fin de constituírse como espazo de reflexión sobre as leis e as convencións internacionais e, ao mesmo tempo, abrir un debate sobre a influencia que os modelos legais e de xestión da paisaxe poden producir en Galicia “dado o estado de deterioro existente a este respecto no noso país”, segundo apuntan os organizadores do Simposio.
Máis conferenciasLogo da inauguración, o encontro continuou con dúas conferencias sobre a noción de paisaxe e os fundamentos da Convención Europea que pronunciaron os profesores das universidades de Alcalá, Javier Maderuelo, e de París I, Ives Luginbühl, respectivamente.
Xa pola tarde, o responsable político da Comisión para o Medio Rural da Gran Bretaña, Graham Garbutt, falará da reorganización entorno ás Comunidades Rurais e os Entornos Naturais en Inglaterra, mentres que a profesora da Universidade de Buenos Aires Perla Zusman fará o propio co caso arxentino.
No transcurso da sesión do martes 3 participarán o profesor da Universidade Pompeu Fabra Carles Pareja; o responsable do Observatorio da Paisaxe de Cataluña, Pere Sala i Martí; o profesor da Universidade Autónoma de Barcelona Albert Cortina; e o profesor da Universidade de Sevilla e asinante da Convención Europea da Paisaxe, Florencio Zoido. Todos eles analizarán a configuración legal da paisaxe atendendo á súa evolución e ás perspectivas actuais, os principais retos para a aplicación na actualidade da Convención Europea e ofrecerán un estudo pormenorizado sobre o Anteproxecto de Lei de Protección da Paisaxe de Galicia contemplando os modelos de regulación e xestión.
Así mesmo, ás 19:00 horas terá lugar unha mesa redonda na que participarán o director xeral de Conservación da Natureza, Xosé Benito Reza; o director xeral de Patrimonio Cultural, Felipe Arias; e a directora xeral de Fomento e Calidade da Vivenda, Encarna Otero.
Compostela será, pois, durante dous días o centro dun encontro de máxima importancia a nivel europeo que conta co patrocinio da Consellaría de Innovación e Industria e da Unesco. Deste xeito, a Universidade de Santiago e o Idega responde a un reto fundamental como é o de crear un gran foro científico de estudo e de debate sobre un tema altamente sensible en Galicia, unha comunidade que posúe 1.600 Km. de costa, 31.855 núcleos de poboación, 1.000.000 de vivendas, 120 ríos, 17 rías e máis de 400.000 hectáreas recoñecidas e protexidas pola Rede Natura.

The contents of this page were updated on 07.02.2007.