Skip to main content

A EPS de Enxeñaría explora o caladoiro das enerxías mariñas

Rodrigo Carballo explica ao alumnado as posibilidades de I+d+i que ofrece a canle de ensaios de ondas mariñas do Laboratorio de Hidráulica da EPSE
Rodrigo Carballo explica ao alumnado as posibilidades de I+d+i que ofrece a canle de ensaios de ondas mariñas do Laboratorio de Hidráulica da EPSE
Uns 100 estudantes preuniversitarios participan no Campus de Lugo no OpenLab2019 promovido polo grupo de Cigeo da USC ao abeiro do proxecto Portos, incluido no programa Interreg Espazo Atlántico
Lugo

O Grupo Integrado de Enxeñaría Civil e Xeomática (Cigeo) do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) do Campus de Lugo da USC amosa as potencialidades que ofrecen as enerxías mariñas, ao tempo que procura futuros estudantes neste caladoiro aínda sen explotar no marco do OpenLab2019, unha xornada de portas abertas promovida ao abeiro do proxecto Ports Towards Energy Self-Sufficiency (Portos), na que participan preto dun centenar de estudantes de ensinanzas medias procedentes dos Ies Nosa Señora dos Ollos Grandes, As Mercedes e Leiras Pulpeiro da cidade de Lugo.

OpenLab2019 é unha iniciativa incluída no programa Interreg Espazo Atlántico, un proxecto europeo dotado con 2,6 millóns de euros de financiamento e orientado a avanzar cara a autosuficiencia enerxética dos enclaves portuarios marítimos, cuxo obxectivo último é o de dar a coñecer e difundir a potencialidade e o beneficio do emprego das enerxías renovables, e en particular das enerxías mariñas, en todos os sectores da sociedade.

A xornada, coordinada polo profesor Rodrigo Carballo, que tamén é o responsable da USC no proxecto Portos, no que a USC participa nun consorcio xunto con 18 entidades e institucións europeas da rexión atlántica, comezou cun acto de acollida ao alumnado no que o subdirector da EPSE Alberte Castro, a coordinadora do grupo Cigeo da USC, Mariluz Gil, e o propio Rodrigo Carballo, fixeron unha presentación polo miúdo da programación docente e das oportunidades de I+d+i que ofrece a EPS de Enxeñaría, así como das liñas de traballo do grupo Cigeo e do propio desenvolvemento deste encontro, que, en quenda de mañá, ofreceu aos participantes a posibilidade de tomar parte en diversos obradoiros interactivos e competicións desenvolvidas nos laboratorios da EPSE.

Os estudantes preuniversitarios tiveron deste xeito a ocasión de coñecer os diversos laboratorios da EPS de Enxeñaría. Os investigadores mozos Iván López e Marcos Arza guiaron unha presentación do canal de ondas e correntes, ao tempo que fixeron unha demostración de modelización de dispositivos convertedores de enerxías mariñas e impresión 3D.

Os tamén profesores e investigadores da EPSE Mariluz Gil e Juan Ortiz abordaron noutras sesóns a cartografía de alta resolución de fondos mariños e a inspección de instalacións no laboratorio de fotogrametría e enerxías renovables mariñas. Mateo Fouz e Manuel Torres falaron neste OpenLab2019 sobre a xestión integral de zonas costeiras e das ferramentas dispoñibles para ao aproveitamento integral das enerxías mariñas. O programa matinal da xornada chegou ao seu colofón cun debate sobre enerxías mariñas e sustentabilidade, que contou como relatores con Carlos Núñez e Alberte Castro.

Relatorios abertos ao público
O programa de tarde do OpenLab2019, aberto á participación de todo o público interesado na temática, inclúe a celebración de dous relatorios sobre temáticas de interese tanto para o sector da industria como da investigación, ademais dun taller sobre a modelaxe física de dispositivos convertedores de enerxías das ondas no laboratorio de Hidráulica.

Eva María Méndez, de Norvento Enerxía, abriu a quenda de intervencións cunha exposición sobre a xeración distribuída e as microrredes en ámbitos portuarios. De seguido, Carlos Pérez, profesor da Universidade de Vigo falou sobre a explotación do recurso enerxético mariño mediante plataformas multipropósito e a súa aplicación na contorna portuaria.

Proxecto Portos
O proxecto Portos (Ports Towards Energy Self-Sufficiency) que pretende avaliar, desenvolver e promocionar o uso integrado de recursos enerxéticos renovables en portos, especialmente enerxías renovables mariñas, co obxectivo de acadar a súa autosuficiencia enerxética, establecendo así unha folla de ruta cara un sector máis competitivo.

No proxecto participan un total de 18 institucións europeas da rexión Atlántica, incluídos centros de I+D+i, empresas e autoridades portuarias do Reino Unido, Francia, Irlanda, Portugal e España. O grupo de investigación Cigeo da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) desempeña un papel fundamental no desenvolvemento do proxecto, sendo responsable entre outros aspectos da avaliación integrada das diferentes formas de enerxía nos portos participantes, así como da realización de ensaios experimentais a escala na canle de ondas e correntes da que dispón este centro.

 

The contents of this page were updated on 12.12.2019.