Skip to main content

A USC lidera unha investigación que avalía a contribución dos servizos ecosistémicos mariños ao benestar humano

Illas Cíes
Illas Cíes. FOTO: Turismo de Galicia
O profesor Sebastián Villasante dirixe o proxecto Ecoser centrado no estudo da Reserva Mariña de Lira, as Illas Cíes e o Parque Natural Cabo de Gata – Níjar
Santiago de Compostela

Promover a sustentabilidade ambiental, económica e social dos servizos ecosistémicos mariños en áreas naturais protexidas do territorio español é o principal obxectivo do proxecto Ecoser, liderado polo profesor da USC Sebastián Villasante e no que tamén toman parte as Universidades de Vigo e Almería, así como o Instituto para o Crecemento Sustentable da Empresa. Esta investigación que acaba de botar a andar centrarase na avaliación deste tipo de servizos na Reserva Mariña de Lira, as Illas Cíes e o Parque Natural Cabo de Gata – Níjar. 

Unha análise da evidencia científica dispoñible e o desenvolvemento de diversas mesas e obradoiros participativos nos que interveñan investigadores, usuarios, membros da administración e do sector produtivo, entre outros, conforman a primeira fase desta investigación que acaba de botar a andar. A continuación, abordarase a contribución dos servizos ecosistémicos mariños ao cumprimento a curto prazo dos obxectivos da Directiva Marco da Estratexia Mariña Europea de 2020 e, a longo prazo, aos obxectivos de Nacións Unidas de Desenvolvemento Sustentable de 2030.

Guía para o manexo destes servizos en áreas naturais protexidas
“O principal resultado ao que se agarda chegar é a elaboración dunha Guía para o manexo destes servizos en áreas naturais protexidas a modo de protocolo que recollerá a metodoloxía empregada para o desenvolvemento do proxecto, incluíndo as dificultades e boas prácticas para que a guía sexa aplicable e adaptable a outros casos de estudo e territorios”, afirma Sebastián Villasante. 

“Como unha das accións máis destacables e como acto de peche do proxecto, organizarase un Simposio Internacional sobre os sistemas ecosistémicos mariños no que se convidará a diversos expertos na materia, así como ás entidades e persoas que colaboraron dun modo ou outro no proxecto”, sinala. Ecoser conta cun financiamento de 102 mil euros da Fundación Biodiversidade, do Ministerio para a Transición Ecolóxica a través do Programa  Pleamar, cofinanciado polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca. 

The contents of this page were updated on 01.02.2020.