Alumni USC publica o número 42 da súa revista anual ‘Fonseca’

A Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da Universidade de Santiago (Alumni USC) acaba de publicar o número 42 da súa revista anual Fonseca, dirixida polo xornalista e directivo da entidade Manuel Fraga Carou. A cabeceira recolle unha ampla entrevista co reitor Antonio López, quen destaca que a USC está a traballar co Concello para levar a cabo “unha actuación que mellore a iluminación e a seguridade” do Campus Vida.
Fonseca tamén destaca neste último número o proxecto expositivo sobre o Camiño de Inverno, que Alumni USC está a realizar, baixo a dirección do socio José Manuel Ortigueira Bobillo, con financiamento do programa ‘O teu Xacobeo’. “As exposicións estarán centradas nos recursos patrimoniais do Camiño de Inverno e nas persoas que máis traballan no seu desenvolvemento, auténticas heroínas e anfitrións do camiño. Como contribución especial, o Ecomuseo de Arxeriz achegará varios obxectos relacionados coa cultura fluvial, o viño da Ribeira Sacra e o castro de Arxeriz”, segundo explica Ortigueira. A esencia desta iniciativa plasmarase a través de diversas exposicións que se celebrarán ao longo de 2020.
Asemade, escribe neste número de Fonseca, Mar Lorenzo Moledo, vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos da USC e vogal da xunta directiva de Alumni, sobre a necesidade dun “constante diálogo entre a comunidade universitaria e a sociedade civil”. Asemade, Mercedes Brea López, catedrática de Filoloxía Románica da USC, escribe sobre as Humanidades, cuxa primeira utilidade é “para non esquecer que somos seres humanos”.
As visitas institucionais, como a recente recepción en Raxoi á presidenta de Alumni USC, Benita Silva Hermo, a voz das universitarias, os aniversarios de diversas promocións, camiñadas e visitas culturais, así como o acto de recoñecemento aos novos socios protectores e a relación das edicións do 2019 do Servizo de Publicacións da USC, completan, entre outros contidos, as 24 páxinas da revista.
Premio Relato Curto
Alumni USC acaba de ampliar ata o 31 de xaneiro o prazo de recepción de orixinais para o seu XIV Premio de Relato Curto, dotado con 500 euros.