Desenvólvese no marco do proxecto ENPRENDIA no que participan 14 universidades, maioritariamente de India
Unha vintena de representantes de 14 universidades, a maioría delas procedentes de India, participarán a vindeira semana na USC nunha iniciativa formativa que busca mostrarlle a experiencia da universidade compostelá en relación ao fomento do espírito empresarial das mulleres no ámbito científico- tecnolóxico. Esta é unha iniciativa desenvolvida ao abeiro do proxecto ENPRENDIA, no que participa o Servizo de Relacións Exteriores da USC, e na que colabora o programas Woman Emprende.
Entre os obxectivos perseguidos polo proxecto está a creación de oito centros de emprendemento en India coa finalidade de establecer redes co tecido empresarial local. Na xornada inaugural, que terá lugar o próximo luns 13 de xaneiro ás 9.30 horas no Edificio Emprendia (Aula de formación, 1ª planta – Campus Vida s/n), intervirá a xefa do Servizo de Relacións Exteriores da USC, Anne Forryan.