O especialista en mercadotecnia dixital Modesto Gómez, da firma Dinahosting, impartirá a sesión o martes 11 de febreiro, a partir das 10.30 horas, no Comlexo Docente do Campus de Lugo

A Vicerreitoría do Campus de Lugo impulsa xunto coa Área de Orientación Laboral e a Escola Universitaria de Relacións Laborais a xornada ‘desMARCAte’, que se desenvolverá o vindeiro martes 11 de febreiro, a partir das 10.30 horas, no salón de actos do Complexo Docente da sede universitaria luguesa.
Este programa de orientación laboral, que contará como relator co especialista en mercadotecnia dixital Modesto Gómez, da firma Dinahosting, está aberta á participación de estudantes, persoas xa tituladas, investigadores en formación e de doutoramento… Trátase dunha actividade formativa de carácter gratuíto para o público interesado e non require inscrición previa.
O programa desta masterclass sobre orientación laboral permitirá ao público asistente coñecer ata 30 conceptos básicos para o desenvolvemento persoal e a xestión da marca profesional. A sesión servirá asemade para aprender a maximizar as fortalezas de cada persoa, mellorar o seu potencial profesional e, en consecuencia, as súas posibilidades de empregabilidade.
As ferramentas expostas polo relator para acadar tales obxectivos afondarán sobre a importancia dunha boa presencia web, un deseño atractivo, o bo aloxamento e o posicionamento na rede, blogs virtuais e redes sociais consistentes. O aproveitamento óptimo destes recursos é, segundo salienta Modesto Gómez, indispensable para diferenciarse no mercado.