O cuarteto de corda integrado por Patricia Cordero, violín; Raquel Areal, violín; Raquel de Benito, viola, e Montserrat Egea, violonchelo, ofrece este luns un concerto de música de cámara na Casa do Saber

O Cuarteto Óscar Esplá de Asisa, unha formación artística feminina creada en 2006 na Escola Superior de Música Reina Sofía e integrada por Patricia Cordero, violín; Raquel Areal, violín; Raquel de Benito, viola, e Montserrat Egea, violonchelo, abrirá este luns 10 de febreiro, a partir das 20.00 horas, o ciclo de cámara ‘Músicas a carón da Mosqueira’, programado ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que recibe financiamento da USC, Concello de Lugo e Deputación Provincial.
Cuarteto Óscar Esplá de Asisa comezou a súa andadura na Real Academia de Belas Artes de San Fernando en marzo de 2007, data desde a que ofreceu numerosos concertos en moi diversos escenarios, como o Teatro Principal de Burgos, Casa de Salinas en Sevilla, Teatro Principal de Alacante, Casino Mercantil de Zaragoza, Auditorio de Barcelona, Teatro Victoria Eugenia de San Sebastián, Auditorio Alfredo Kraus das Palmas de Gran Canaria, Palacio das Artes Reina Sofía de Valencia, Ciudad de las Comunicaciones de Telefónica, Teatro Calderón, Capilla de San Gregorio de Valladolid ou Catedral da Virxe das Neves en Eivisa, así como Auditorio Sony, Fundación Lázaro Galdiano, Teatro Real e Universidade Complutense en Madrid.
Logo de varios anos de actividade, as integrantes deste cuarteto de corda, que na actualidade seguen a recibir formación da man do profesor Heime Müller, gravaron en 2012 un CD para Asisa con obras de Dvořák, Brahms e Piazzola. Anos despois, xa no curso 2018-19, esta formación recibiu de mans da Raíña dona Sofía o diploma de cuarteto de cordas máis sobresaínte.
Este recoñecemento serviu tamén de antesala do Premio EMCY, un galardón outorgado pola European Union of Music Competition for Youth (EMCY) no marco do XCIV Concurso de Xuventudes Musicais de España e que na última edición recaeu precisamente no Cuarteto Óscar Espá de Asisa.