A elaboración do Traballo Fin de Grao ocupa unha parte importante da actividade do estudantado de grao no último curso

Con todo, non existe unha formación específica neste eido, motivo polo que a Facultade de Filoloxía impulsa este xoves 13, entre as 17.00 e as 00.00 horas, a segunda edición da súa ‘Longa Noite’. Esta acción didáctica pretende proporcionar claves, apoio e seguridade tanto na elaboración e escritura do traballo como na posterior presentación perante un tribunal.
“O desenvolvemento do TFG resulta moitas veces solitario e xera non poucas dúbidas, incertezas e estrés”, afirma a decana do centro María José López Couso. Os obradoiros de carácter transversal sobre material gráfico, xestión de bibliografía, ou como empezar e rematar o traballo; alternaranse ao longo desta xornada con outros máis específicos para as cinco titulacións de grao da Facultade, tales como os aspectos formais e estilísticos do inglés ou alemán académicos. Finalmente, incluiranse obradoiros nos que se traballarán aspectos relativos á voz e posta en escena nas presentacións dos TFG, así como talleres de asesoramento lingüístico e un espazo aberto e interactivo de escritura.
“Máis dun 50% dos TFG que se defenden na Facultade de Filoloxía cada ano escríbense e preséntanse nunha lingua estranxeira, o que fai que o asesoramento lingüístico e escénico teña maior relevancia, se cabe, ca noutros centros”, subliña a decana. Esta xornada parte do lectorado de alemán, co apoio do Servizo Alemán de Intercambio Académico. “Os lectores son unha figura docente moi importante nas facultades de filoloxía de todo o mundo. É persoal seleccionado e enviado por institucións estranxeiras, de carácter rotatorio e non estable, cunha función crucial na formación en lingua e cultura e tamén como embaixadores culturais e puntos de información sobre o seu país e a súa institución de orixe”, destaca López Couso. Esta iniciativa está aberta tamén a estudantado que prepara o Traballo de Fin de Máster ou a tese de doutoramento.
