A Ciencia de Materiais será o tema central da primeira NerdNite do ano e que terá lugar o vindeiro mércores 19 de febreiro. O Bar Riquela (Preguntoiro, 35) acollerá unha sesión que dará comezo ás 21.00 horas e na que colabora a Agrupación Estratéxica de Materiais da USC (AeMAT)

A profesora de óptica da USC María Teresa Flores Arias abrirá a quenda de intervencións co relatorio ‘Xogando coa luz’. A continuación, Manuel A. González Gómez, doutorando en nanomedicina do grupo Nanomag, abordará ‘A ciencia detrás do poder de Magneto’. Finalmente, ‘A táboa periódica en 3D’ será o obxecto de análise do catedrático da USC M. Arturo López Quintela e de David Buceta Fernández, investigador posdoutoral no laboratorio Nanomag.
As NerdNites naceron hai anos en Estados Unidos, unha proposta orixinal á que se sumou Santiago de Compostela en 2012, sendo a primeira cidade española en facelo. Esta iniciativa artéllase en base a pequenas charlas científicas onde especialistas dialogan co público das disciplinas que lles apaixonan fóra do ámbito académico, nun ton distendido e en horario nocturno.