Skip to main content

Exposición

‘Manuel Vilariño. Rizoma’

02.19.2020 | 20.00h

Igrexa da Universidade
Santiago

O concepto filosófico ‘Rizoma’ desenvolvido por Deleuze e Guattari e no que se establece que calquera elemento pode incidir na concepción das partes dunha determinada estrutura, é o punto de partida da nova mostra do fotógrafo Manuel Vilariño.

Fotografía de Manuel Vilariño
Fotografía de Manuel Vilariño

‘Manuel Vilariño. Rizoma’ trata de amosar a íntima relación entre a natureza e o universo creativo do fotógrafo, especialmente co territorio físico ao que o artista está máis vinculado, o bosque atlántico. “A árbore, o animal, a montaña, o océano son referentes imprescindibles na obra de Vilariño, tanto plástica como poeticamente, e a súa presenza é constante na súa produción”, apunta José Luís Estévez, comisario da mostra.

“O rizoma é unha unidade heteroxénea, en contraposición á lóxica binaria onde as relacións entre puntos sempre obedecen a unha orde intrínseca e a unha homoxeneidade. A traxectoria artística de Vilariño responde a esta filosofía onde os diferentes elementos traban relación entre si sen necesidade dun fío condutor que os conecte”, continúa o comisario. “Nas súas fotografías, o artista captura instantes cunha gran carga poética e que transmiten ao espectador emocións que van moito máis alá da súa aparencia. O seu maxistral dominio da técnica contribúe a ofrecer unha visión moi persoal da paisaxe, do animal e doutros elementos da natureza”, destaca Estévez.

A montaxe inclúe imaxes de gran formato en branco e negro e cor; tamén se exhibe un vídeo protagonizado polo propio artista e no que se fai alusión á súa relación coa natureza. A maior parte das obras exhibidas pertencen a Vilariño aínda que hai tamén préstamos de particulares e do Centro Galego de Arte Contemporánea.

A mostra impulsada pola USC en colaboración coa Consellería de Cultura e Turismo, manterase aberta ao público ata o vindeiro 2 de abril de luns a xoves en horario de 16.30 a 19.30 horas, e os venres de 11.00 a 13.30 e de 16.30 a 19.30 horas. 
 

The contents of this page were updated on 02.18.2020.