Skip to main content

Xornada

Iniciación á Autodefensa

03.14.2020 | 09.00h

C.M. Rodríguez Cadarso e Sala de Artes Marciais do Complexo Deportivo do Estadio
Santiago

A Fundación USC Deportiva organiza para o vindeiro 14 de marzo unha xornada teórico-práctica de iniciación á Autodefensa.

O modelo de aprendizaxe proposto tradicionalmente polas artes marciais incide maioritariamente na adquisición e perfeccionamento das habilidades físico-técnicas como solución a una agresión de carácter físico. Porén, presta moi pouca ou ningunha atención á adquisición de habilidades sociais, emocionais e cognitivas, polo que non ofrece solucións a outro tipo de agresións, diferentes ás de carácter físico, e moito máis frecuentes no día a día. 

Neste curso, organizado pola Fundación USC Deportiva e no que colabora o Servizo de Deportes da USC, preténdense analizar os conflitos cun enfoque máis aberto, construíndo deste xeito una visión máis ampla, completa e actual da Autodefensa. Proporcionaranse recursos de autodefensa para dar resposta a potenciais situación de risco, aprendendo o uso de técnicas eficaces en función das capacidades de cada un e das características da agresión. Ao mesmo tempo, explicaranse técnicas de xestión de conflitos baseadas noutro tipo de habilidades e competencias destinadas a evitar o enfrontamento físico. 

O curso, destinado a calquera persoa interesada maior de 16 anos, dividirase nunha hora teórica e tres horas prácticas. A actividade estará impartida por Óscar e Sergio Lafuente López. Ambos os dous contan cunha dilatada traxectoria como adestradores no eido das artes marciais e posúen a titulación de Especialistas en Autodefensa expedida pola Real Federación Española de Karate, tendo ademais o grao de 4º DAN nesta disciplina.

Todos os interesados en participar nesta actividade deberán formalizar a súa inscrición a través da páxina web www.fundacionuscdeportiva.org O prezo do curso é de 25 € e as prazas son limitadas ata un máximo de 20 participantes, polo que se recomenda realizar a reserva de praza o antes posible xa que se respectará rigorosamente a orde de inscrición para a súa adxudicación.
 

The contents of this page were updated on 02.20.2020.