Skip to main content

Presentación

Proxecto Balaenatur

02.21.2020 | 19.00h

O proxecto Balaenatur é un programa para o seguimento do rorcual azul dentro da rede Natura 2000, e que conta co impulso do Bottlenose Dolphin Research Institute (BDRI) do Grove, e co apoio da Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.

Cartel da sesión
Cartel da sesión

Balaenatur procurará novos datos sobre a ecoloxía das grandes especies de rorcuais, como o azul, pero tamén outros documentados nas costas de Galicia, como a balea común (Balaenoptera physalus), rorcual alibranco (Balaenoptera acutorostrata), a balea xibarte (Megaptera novaeangliae) e o rorcual boreal (Balaenoptera borealis). A través de saídas en barco pola plataforma continental, o grupo “levará a cabo un seguimento destas especies en relación coas súas pautas migratorias, distribución e comportamento dentro da plataforma continental galega e en particular no interior de zonas da Rede Natura 2000”, explican desde o BDRI.

Os resultados do proxecto achegarán información ata o de agora inexistente sobre a bioloxía das baleas no noso territorio esencial para o desenvolvemento do futuro plan de recuperación destes animais, que poida servir de base na toma de decisións para a conservación das baleas nas augas galegas. O equipo do BDRI levará a cabo a través de Balaenatur unha mostraxe sistemática que permitirá un seguimento das principais especies de baleas que visitan esta costa para poder dar resposta á gran gama de interrogantes que aínda existen sobre estes mamíferos, os máis grandes do mundo.
 

The contents of this page were updated on 02.21.2020.