Skip to main content

Presentación do libro

'De pedra a azulexo'

02.26.2020 | 19.00h

O Salón de Graos da Facultade de Filoloxía acolle este mércores 26, a partir das 19.00 horas, a presentación do libro De pedra a azulexo, editado polo Servizo de Publicacións da USC, que recolle as obras premiadas dos primeiros cinco anos do Concurso Literario Mazarelos.

Cartel da sesión
Cartel da sesión

Trátase dun certame celebrado anualmente pola Comisión de Normalización Lingüística do centro, aberto á recepción de textos de extensión breve de calquera xénero literario, e que, como recollen as súas bases, naceu “co obxectivo de fomentar a creatividade da mocidade universitaria e de desenvolver a súa capacidade de expresión en lingua galega”.

Ao longo deste primeiro lustro de vida o premio foi recibindo cada vez máis orixinais de estudantado procedente de moi diversos centros da USC, tales como Bioloxía, Ciencias da Comunicación, Xeografía e Historia e Matemáticas. “Cómpre salientar que moitas das persoas galardoadas comezaron xa a dar os seus primeiros pasos na carreira literaria, protagonizando recitais, obradoiros e encontros poéticos, formando parte de escolmas da literatura galega recente ou sendo recoñecidos noutros certames orientados a autores emerxentes”, sinala a vicedecana de Filoloxía María do Cebreiro Rábade Villar. 

No acto de presentación, tomarán parte Gumersindo Feijoo Costa, vicerreitor de Planificación e Proxección Estratéxica; Juan Blanco, director do Servizo de Publicacións e Manuel Núñez Singala, responsable do Servizo de Normalización Lingüística. A presentación contará asemade cunha actuación musical da cantante Alba María, que tamén oficiou como editora literaria e revisora lingüística do libro.
 

The contents of this page were updated on 02.26.2020.