A USC impúlsase cara ao futuro cunha reestruturación de goberno

O reitor da USC, Antonio López Díaz, vén de anunciar a reestruturación do goberno da universidade. En chegando ao termo medio do mandato actual, e despois de case dous anos de traballo intenso, o reitor e o seu equipo teñen determinado certas áreas nas que se deben reforzar e potenciar os esforzos de goberno para consolidar e impulsar o liderado da USC en Galicia e a nivel internacional.
Deste xeito, dúas das novidades desta reestruturación son a incorporación de caras novas ao equipo de goberno. Trátase de María José López Couso, ex decana (2012-2020) da Facultade de Filoloxía e ex presidenta do Colexio de Decanas/os e Directoras/es de Centro da USC (2014-2019), que liderará a Vicerreitoría de Titulacións e Captación Internacional; e Jacobo Limeres Posse, ex director do Departamento de Estomatoloxía (2013-2016), e ex vicedecano de Odontoloxía da Facultade de Medicina e Odontoloxía (2017-2020), que se encargará de liderar a Vicerreitoría de Calidade. Estas incorporacións e reestruturación teñen como obxectivo impulsar áreas estratéxicas que nos próximos anos enfrontarán desafíos determinantes para a USC como son o deseño e implementación dunha oferta de titulacións que dea resposta ás demandas da sociedade actual e os que corresponden ao ámbito da calidade, cuestión esta última capital en termos de cumprimento para coa comunidade universitaria. Ademais, o reitor asumirá a comunicación institucional dende o recentemente creado Gabinete do Reitor.
Con todo, a reestruturación proposta e comunicada polo reitor conta tamén cunha vontade de adecuación das áreas existentes aos desafíos que a USC enfrontará nos próximos anos e busca reforzar a súa posición no ámbito da igualdade ao tempo que potencie as áreas de extensión universitaria, cuestións que afectan de xeito directo a toda a comunidade universitaria e tamén á sociedade galega, á que a institución se debe.
Este impulso que colle forma de reestruturación de equipo de goberno quere ser tamén unha motivación máis para afrontar un futuro a curto prazo complexo e desafiante que inclúe a negociación dun novo Plan de Financiamento coa Xunta de Galicia e que debe levar á USC a definir e asentar o seu liderado baseado tamén na transparencia e rendición de contas á sociedade galega, á que se debe.
Deste xeito, a nova estrutura por áreas do goberno da USC queda do seguinte xeito (por orde alfabética e sen incorporar á Xerencia e Secretaría Xeral):
• Vicerreitoría de Calidade
• Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo
• Vicerreitoría de Estudantes e Proxección Internacional
• Vicerreitoría de Igualdade, Cultura e Servizos
• Vicerreitoría de Investigación e Innovación
• Vicerreitoría de Organización Académica
• Vicerreitoría de Planificación, Tecnoloxías e Sustentabilidade
• Vicerreitoría de Profesorado
• Vicerreitoría de Titulacións e Captación Internacional
O reitor quere, finalmente, agradecer o traballo realizado a Victoria Otero Espinar, ata o momento Vicerreitora de Titulacións, polos servizos prestados á institución.